Venres 19 de Xullo de 2019

A Deputación de Ourense colabora co colexio «Mestre Vide» na mellora de infraestruturas e dotación cultural do centro de ensino


 

Manuel Baltar visitou  as actuacións realizadas no colexio co apoio da institución provincial: a biblioteca, o espazo cuberto á entrada do edificio e a nova pista do pavillón de deportes

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou o CEIP «Mestre Vide» da capital ourensá, acompañado polo director do colexio, Juan Manuel Regal; a xefa territorial de Educación, María Luz Fernández, e autoridades educativas e profesores do centro. No percorrido polas instalacións, o presidente do goberno provincial visitou as actuacións realizadas no colexio co apoio da institución provincial: a biblioteca do centro, o espazo cuberto á entrada do edificio e a nova pista do pavillón de deportes.O director do centro, quen convidou ao presidente da Deputación a asinar no Libro de Honra, agradeceu en nome da comunidade educativa do CEIP á Deputación de Ourense «a colaboración que vén mantendo nos últimos cinco anos co noso colexio, a cal fixo posible a realización dunha serie de obras que non sería posible levar a cabo se non fose pola cooperación da institución provincial».Manuel Baltar cualificou ao «Mestre Vide» como «un colexio de referencia en Ourense polos seus altos estándares de calidade educativa», e expresou que a Deputación «colabora a prol dos máis novos posibilitando melloras nas infraestruturas deste centro educativo e apoiando iniciativas culturais, formativas e de coñecemento, unhas transformacións de progreso e evolución que se poden facer cando se xuntan as ideas, neste caso da Dirección do centro, coa capacidade de resposta que temos como goberno provincial».Baltar destacou os investimentos que a Deputación de Ourense está a facer tamén noutros centros de ensino da provincia por medio do convenio que neste ámbito desenvolve coa Xunta de Galicia. «Trátase de avanzar nas infraestruturas educativas para contribuír á mellora das instalacións onde desenvolven a súa formación os nenos ourensáns, e o exemplo do CEIP «Mestre Vide» é boa mostra diso», afirmou o presidente provincial.

Deja un comentario