Sábado 01 de Outubro de 2022

Ourense en Común busca o consenso do pleno para instar ao goberno central a incrementar o compromiso orzamentario co Pacto de Estado contra a violencia de xénero


Os casos de violencia de xénero medran no país, namentres as partidas dos Orzamentos Xerais do Estado para combater esta lacra, mantéñense en valores inferiores aos de 2010

Ante o número incesante de mulleres e criaturas asasinadas polas violencias machistas, o incremento do número de denuncias e o número de mulleres con ordes de protección no ano 2016 con respecto ao ano anterior, así como ante a proposta da Subcomisión do Congreso dos Diputados de “Pacto de Estado” contra a Violencia de Xénero, Ourense en Común rexistraba esta mañá unha moción para o pleno de xullo, pola que buscará o consenso dos grupos da corporación para instar ao Goberno da Nación a aumentar o orzamento para a consecución real de tal Pacto.
O grupo denuncia na moción a insuficiente previsión nos orzamentos para a prevención da violencia de xénero, un 2,2 % menor que en 2010, e a conxelación das partidas destinadas ao Programa para a Igualdade entre mulleres e homes, que se mantén nun 41,2% menos que en 2010.
Con esta moción, Ourense en Común quere trasladar e participar da denuncia política e social dos colectivos feministas, compartindo a visión de que “de non aumentarse significativamente nos PGE 2017, polo menos en 120 millóns de euros, o Programa contra a Violencia de Xénero sería unha burla para os 4 millóns de mulleres que sofren ou sofriron violencia de parella ou sexual fóra da parella”.
Os PGE seguen sen asignar nin un euro á prevención nos ámbitos educativo, sanitario e de medios de comunicación, non cubren a prevención e atención á violencia sexual que esixe o Convenio de Istambul vixente desde 2014, non melloran a resposta policial e xudicial e non cubren o custo dos servizos xurídicos, psicolóxicos e sociais nas Entidades Locais establecidos no art.19 da Lei Orgánica 1/2004.

Deja una respuesta