Martes 23 de Abril de 2019

A comisión informativa de Cooperación da Deputación abordará o programa provincial de cooperación cos concellos en materia de mocidade para o ano 2017


A comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordará, na reunión que se celebrará hoxe mércores, 21 de xuño, no Pazo Provincial, o programa provincial de cooperación cos concellos en materia de mocidade para o exercicio 2017, un programa que ten por obxecto contribuír ao financiamento das actividades desenvolvidas polos concellos da provincia en prol da mocidade ao longo deste ano. Así, poderán ser beneficiados deste programa os concellos de menos de 20.000 habitantes que desenvolvan actividades con este fin, sempre que foran autorizadas a partir do 1 de xaneiro de 2017.

Cada concello poderá acadar unha axuda cunha contía máxima de 6.000 euros, sendo a dispoñibilidade orzamentaria total destinada para este programa de 546.000 euros.

Para continuar en materia de cooperación cos concellos, a comisión informativa tratará a aprobación do convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e o Concello de Esgos, para o financiamento, execución e entrega, para o seu mantemento e conservación das obras do proxecto do paseo fluvial entre Tarreirigo e o núcleo de Esgos.

O investimento total para este fin ascende aos 265.000 euros, dos cales, a Deputación de Ourense destinará para estas actuacións unha achega de 132.500 que supón o 50% da inversión prevista, ao igual que a CHMS, que tamén achegará 132.500 euros.

Asemade abordarase a aprobación provisional do proxecto de trazado do acceso ao núcleo de San Vicente de Leira desde a estrada OU – 0807, así como sometelo a información pública por prazo de 30 días hábiles e remitir o proxecto a informe do Concello de Vilamartín, da CHMS, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, simultaneamente ao trámite de información pública, e por prazo de trinta días hábiles.

Outro dos temas a tratar durante a xuntanza será a expropiación forzosa para a execución da obra de mellora da estrada provincial “OU-0210 Leirado-Pontedeva”, no municipio de Quintela de Leirado.

Por último, na reunión abordaranse dúas modificacións relativas aos convenios de colaboración para a creación e implantación dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), unha delas para a inclusión da addenda aprobada pola Comisión de Seguimento do convenio o 1 de febreiro de 2017, e a outra sobre o réxime de pago das axudas da Deputación previstas no dito convenio.

Esta tarde tamén se celebrarán as comisións informativas de Transparencia e Administración Provincial, e a de Especial de Contas e de Facenda e Economía, será nesta última na que se aborde a delegación na Deputación de Ourense do exercicio das competencias do Concello de Petín en materia de xestión tributaria e recadación, así como o expediente n.º3/2017 de modificación das bases de execución do orzamento.

Mañá xoves, 22 de xuño, será a quenda para as xuntanzas das comisións informativas de Cultura, Termalismo e Igualdade. Na comisión de Cultura, Deportes e Mocidade tratarase a dación de conta do ditame do xurado do premio “Otero Pedrayo 2016” que ditaminou conceder por unanimidade o galardón ex aequo aos escultores Acisclo Manzano e Manuel Buciños, proposta que foi presentada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que complementa e amplía á presentada pola Fundación “Vicente Risco”.

Por último, na comisión informativa de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente abordaranse dous convenios de colaboración: un deles entre a Deputación de Ourense e o Concello de San Cibrao das Viñas para a xestión e contratación delegada do servizo de explotación e mantemento da EDAR de San Cibrao das Viñas, e o outro entre a Deputación de Ourense e os Concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro para a contratación delegada dun seguro de responsabilidade patrimonial e multiriscos das instalacións de abastecemento en alta Razamonde-San Trocado.

Deja un comentario