Domingo 19 de Agosto de 2018

A formación dos 35 emprendedores seleccionados para a segunda edición do espazo coworking comeza mañá en Celanova


Os promotores teñen a oportunidade de contar, durante os próximos cinco meses, con asesoramento especializado e titoría personalizada para acelerar os 22 novos proxectos empresariais presentados
O espazo cedido polo Concello de Celanova no auditorio Ilduara acollerá desde mañá as actividades da segunda edición do espazo coworking desta localidade, onde 35 emprendedores poderán acceder a formación e asesoramento especializados para acelerar a posta en marcha dos 22 proxectos seleccionados.

A segunda convocatoria da aceleradora de proxectos emprendedores desenvolverase durante os próximos cinco meses, no marco dunha iniciativa de colaboración impulsada conxuntamente pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI). Os emprendedores seleccionados contarán con servizos de apoio personalizados para desenvolver as súas ideas de negocio e acelerar a posta en marcha das súas empresas.

O obxectivo fundamental das iniciativas de coworking é acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, incrementando as probabilidades de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores, e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.

No marco deste proxecto, que conta con financiamento do Fondo Social Europeo, os emprendedores da comarca de Celanova seguirán dispoñendo de diferentes servizos de formación, asesoramento e aceleración de proxectos, así como de instrumentos de apoio para poñelos en marcha habilitados a través do Igape, con programas como o Galicia Emprende, e Xesgalicia, con fondos de capital risco como Galicia Iniciativas Emprendedoras.

Un total de 19 novos proxectos empresariais completaron o seu proceso de formación e asesoramento ao abeiro da primeira convocatoria do espazo coworking de Celanova. Os emprendedores que desenvolveron os seus proxectos nel escolleron para os seus negocios ámbitos como as TIC, servizos tecnolóxicos –mediante o uso de drons, por exemplo– ou educativos, o turismo, a transformación de produtos agrícolas e gandeiros ou a organización de eventos.

Ao abeiro desta actuación de aceleración de proxectos empresariais, durante esta semana actívanse novamente espazos de emprendemento en Ferrol, Monforte, Mondoñedo, Cabana de Bergantiños e Santiago, ademais de en Celanova. En cada unha destas sedes haberá durante o próximo ano outras dúas edicións sucesivas que se desenvolverán durante 5 meses e que poderán acoller, en cada caso, entre un e tres emprendedores por cada un dos proxectos seleccionados para cada edición, un máximo de 22 por cada sede e convocatoria.

Deja un comentario