Xoves 22 de Agosto de 2019

“Xurés Experiences”, unha iniciativa dos concellos da Baixa Limia para promocionar a riqueza natural da man do deporte


 

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa, que se desenvolve ao longo de sete meses con actividades deportivas en plena natureza nos municipios de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os alcaldes de Bande, Entrimo, Lobios e Muíños presentaron hoxe no Pazo Provincial a iniciativa de deporte e natureza “Xurés Experiences 2017”, unha serie de eventos deportivos que se desenvolven nos concellos da Baixa Limia coa colaboración da Deputación de Ourense para difundir as potencialidades e a riqueza turística, natural, histórica, termal e deportiva desta contorna da provincia de Ourense. Manuel Baltar agradeceu no acto de presentación “esta iniciativa de consenso dos concellos de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños, unha suma de esforzos coa que colabora a Deputación de Ourense, pois achega unha visión única do territorio, unindo os grandes valores comúns das terras da Baixa Limia vencellando turismo, termalismo, natureza e actividade deportiva”.

O presidente do goberno provincial afirmou que se trata de “sete meses e catorce probas deportivas, que falan moito e ben da cooperación entre concellos, dando unha imaxe única para a proxección da comarca da Baixa Limia, unha gran noticia de natureza e deporte para este ano 2017”.

José Antonio Armada, alcalde de Bande, detallou o programa de actividades, iniciado no mes de abril e que rematará en outubro próximo. Ao longo destes meses desenvolveranse nos cinco concellos andainas probas de BTT, rutas cabalares, duatlón, trial e carreiras, “iniciativas que teñen como obxectivo promocionar conxuntamente a nosa comarca e as súas potencialidades, para que os visitantes coñezan en detalle os concellos da Baixa Limia”. Armada avanzou que en 2018 está previsto dar un paso máis “estendendo a “Xurés Experiences” á colaboración coas cámaras portuguesas, para atraer aínda máis público do norte de Portugal”.

A vindeira proba do calendario da “Xurés Experiences” terá lugar o día 4 de xuño, cunha andaina no municipio de Muíños, e o día 18, coa V Ruta cabalar de Bande. As seguintes serán en xullo, coa celebración dunha andaina en Lobeira e a IV Carreira “Vía Nova”, en Bande; e en agosto, a II Andaina nocturna de Lobios, a X Andaina “Iter Querquennae” e o III Trail de Bande. Ao mes seguinte, setembro, terá lugar a Andaina Terrachán-Peneda, no Concello de Entreimo, e o Trail do Lobo, que se disputará entre os concellos de Muíños e Lobios, para rematar en outubro coa proba Gran fondo do Xurés, entre Bande e Lobeira.

Deja un comentario