Luns 19 de Agosto de 2019

A Xunta salienta en Ourense o amplo catálogo de servizos e axudas para facilitar a posta en marcha de novas empresas


O director do Igape, Juan Cividanes, destaca o programa Galicia Emprende, dotado con 5 millóns, como un dos instrumentos preparados para apoiar a creación de novas compañías e o desenvolvemento de empresas de recente creación
O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe nun coloquio organizado por AJE Ourense catálogo de servizos e axudas habilitado pola Xunta, ao abeiro da Lei do Emprendemento, para facilitar a posta en marcha, o crecemento e a consolidación de novas empresas. O director do Igape subliñou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ofrece unha completa e diversa batería de instrumentos de apoio para atender as necesidades dos emprendedores, sexa cal sexa a fase de desenvolvemento dos proxectos ou das súas empresas.

Destacou, neste sentido, o programa Galicia Emprende, dotado este ano con 5 millóns de euros, como un dos instrumentos preparados para apoiar a creación de novas empresas e o desenvolvemento de compañías de recente creación. O programa Galicia Emprende regula a concesión de apoios de ata 175.000 euros para a posta en marcha ou a consolidación temperá de empresas impulsadas por autónomos e emprendedores, facilitando así a xeración de emprego.

As solicitudes ao abeiro da primeira convocatoria do programa Galicia Emprende poden presentarse ata o próximo 20 de xuño, e irá seguida doutras dúas convocatorias que se abrirán o 30 de xuño e o 10 de outubro, respectivamente, para facilitar a preparación e preparación de proxectos. Este ano, a Xunta prevé apoiar deste xeito máis de 200 proxectos empresariais novos.

Cividanes recordou que a Xunta, a través de Xesgalicia, dispón igualmente de fondos de capital risco como o Galicia Iniciativas Emprendedoras ou o i2C, preparados para apoiar especialmente os proxectos innovadores dos novos emprendedores. Tamén citou a Rede de Business Angels, como instrumento de cofinanciamento privado, e a Rede Galega de Mentores como servizo importante para que os emprendedores poidan consolidar os seus proxectos contando coa experiencia altruísta de xestores expertos ou empresarios consolidados.

Deja un comentario