Luns 25 de Maio de 2020

A Xunta salienta que preto de 300 empresas exportaron o ano pasado a Xapón por máis de 96 millóns de euros


O director do Igape, Juan Cividanes, destaca que o incremento medio das vendas a ese país, do 14%, está a ser superado amplamente polas exportacións do sector agroalimentario, que creceron a este mercado asiático nun 23% o ano pasado
O director do Igape, Juan Cividanes, salientou que 289 empresas galegas exportaron o pasado ano a Xapón mercadorías por máis de 96 millóns de euros, un 14% máis que no ano anterior. Durante a súa intervención na recepción dunha misión de importadores da alimentación, destacou que o crecemento das exportacións galegas deste sector cara o país asiático foi do 23%, e consolida una tendencia que se mantén nesta liña alcista durante o último trienio.

Cividanes participou no encontro con importadores xaponeses organizado pola Confederación Empresarial de Ourense, que se acolleu ao programa Galicia Exporta do Igape para organismos intermedios, con axudas cofinanciadas polo Feder. Salientou a aposta do sector agroalimentario galego pola innovación, a sustentabilidade e a Industria 4.0, sinalando que esta explica os seus resultados en mercados internacionais, ao tempo que asegura, segundo manifestou, a súa positiva evolución no futuro.

O director do Igape subliñou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria activou este ano 8 millóns de euros en axudas á internacionalización para manter o crecemento continuado das exportacións galegas, que marcaron o pasado ano un novo récord histórico ao superar os 20.000 millóns de euros.

A misión empresarial de importadores xaponeses que comezou hoxe na sede da CEO inclúe unha cata de viños, visitas a empresas de alimentación e bebidas da provincia de Ourense e encontros individuais con empresarios galegos interesados en iniciar ou ampliar a súa proxección cara a este mercado. Durante toda este semana, os importadores participarán en preto de corenta encontros de negocios con empresarios ourensáns.

Deja una respuesta