Domingo 21 de Outubro de 2018

O Concello adxudica as obras de urbanización do Centro de Saúde do Couto por un importe de 479.710 €


“Unha intervención fundamental para a posta en valor do espazo, no que se veñen de acometer actuacións tan importantes como a construción do novo edificio de Xulgados e do Centro de Saúde”, dixo o alcalde

 

A xunta de goberno local do Concello de Ourense aprobou, na xuntanza celebrada esta mañá, a adxudicación das obras de urbanización do Centro de Saúde de O Couto, por un importe de 479.710 euros IVE incluído. A adxudicataria, Hordescon SL, foi a oferta económica máis vantaxosa das cinco presentadas. “Damos así un paso necesario e moi importante para a posta en marcha desta infraestrutura sanitaria”, afirmou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, en rolda de prensa. “Trátase dunha intervención fundamental para a posta en valor deste espazo, no que se veñen de acometer actuacións tan importantes como a construción do novo edificio de Xulgados e do Centro de Saúde do Couto”, dixo

Construiranse novos accesos a estes equipamentos, nomeadamente ao centro de saúde, desde a rúa Bispo Lourenzo, Castro Canseco e Velázquez, instalaranse novos pavimentos, beirarrúas e espazos verdes que contribúan á humanización da contorna. Árbores como cedros do atlas, prunus ciruelo, pradairos e chopos brancos e negros. Así mesmo, instalarase mobiliario urbano, alcorques, máis as redes de abastecemento e saneamento conectadas á rede municipal, instalacións eléctricas, e demais aspectos precisos para a completa urbanización.

“A semana pasada tivemos coñecemento dunha sentenza que confirma o auto de primeira instancia que denegaba a apertura do centro de saúde do Couto”, explicaba o rexedor. O Concello denegoulle no seu día a licenza de ocupación ao centro de saúde, o Servizo Galego de Saúde recorreu o acordo, e o Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Ourense desestimou o seu recurso. “O Sergas recorreu entón ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e este desestimou tamén o seu recurso, na sentenza coñecida a semana pasada e da que se lles informou a todos vostedes”, resumía Vázquez Abad.

Avogacía Consistorial. Unha sentenza, dous autos, dous personamentos e un decreto que comunica un desestimento é o resumo dos asuntos tratados polos servizos xurídicos do Concello de Ourense.

Así, deuse conta dunha nova sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que desestima unha reclamación de responsabilidade patrimonial pola anulación do Plan de Urbanismo de 2003. Neste caso, desestima o recurso contencioso-administrativo presentado pola Xunta de Compensación da Área de Reparto 31-0 contra a desestimación presunta da reclamación de responsabilidade patrimonial solidaria contra o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia, derivada da declaración de nulidade do Plan de 2003, en relación coa área de reparto 31-O Vereda do Barbaña. A cantidade reclamada eran 46.614,86 euros, desestimada polo TSXG.

O alto tribunal de Galicia ditou por outra parte un auto no que estima o recurso de apelación interposto por un particular contra a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 que entendera estimada por silencio administrativo positivo a legalización dunha vivenda unifamilar en rúa da Fonte, 11, Reza.

Coñeceuse, tamén un auto favorable ao Concello ditado polo TXG que desestima as pretensións dun particular e declara conforme a dereito un estudio de detalle aprobado polo Concello en 2015 na rúa Julia Minguillón. Trátase dun pleito cuxa orixe se remonta nada menos ao ano 1999, promovido por un particular que alega presuntos danos e prexuízos por un vial incluido en dito estudo de detalle.

Por outra banda, informouse de que o Concello foi emprazado para personarse en dous procedementos abreviados ante os Xulgados número 1 e 2 de Ourense, a instancias de dous particulares: Un deles contra un acordo do Consello Municipal de Deportes sobre becas deportivas e outro que solicita a devolución da taxa de recollida de lixo dun edificio.

Finalmente, tívose coñecemento do decreto do Xulgado Contencioso número 1 no que se nos comunica o desestimento por parte dunha empresa que recorrera un imposto de plusvalía.

Servizo de Licencias Urbanísticas, dous asuntos: Por unha banda, corrixíronse unhas superficies nunha licencia de agrupación instrumental e segregación de fincas en A Lonia. Por outra banda, concedéuslle a unha comunidade de propietarios da Avenida de Santiago, no barrio do Vinteún, licencia urbanística para reforma de cuberta nun edificio.

Servizo de Patrimonio. Púxose en coñecemento da Avogacía Consistorial e dunha aseguradora o incumprimento por parte dun particular do requerimento da indemnización (84,03€) polos danos causados nun fito na rúa Victoria Kent. Inadmitiuse un recurso pola titularidade dun tramo de rúa no polígono de Seixalbo -o recurso foi presentado fóra de prazo e non acreditaba a representación do mesmo-. O terceiro e último tema foi inadmitir unha reclamación de responsabilidade patrimonial contra o Concello polas lesións sufridas como consecuencia dunha caída en Valdorregueiro: a vía non é de titularidade municipal.

Infraestruturas. Desestimouse un recurso de reposición interposto por ADIF, contra un acordo da XGL de 30 de marzo de 2017 polo que se lle require como titular dun noiro na rúa Rio Arnoia, para que lle dese estabilidade ao mesmo no prazo máximo de 3 meses, co apercibimento de multa coercitiva ou execución subsidiaria.

Cultura. Aprobáronse as actuacións dentro do programa Cultura no Camiño 2017, a desenvolver en colaboración coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e a Axencia de Turismo de Galicia. Aprobouse tamén o gasto por importe de 11.246 euros para este fin, que se verá subscrito coa sinatura do documento de adhesión ao programa Cultura no Camiño 2017, que asinará proximamente a concelleira Belén Iglesias.

Asuntos Sociais, tres cuestións: A primeira foi aprobar as bases da convocatoria pública de selección de actividades ou proxectos para o programa de envellecemento activo do Concello de Ourense do curso 2017-2018. Terá a seguinte distribución por anualidades: 10.357,00 euros para o ano 2017 e 51.785,00 euros para o ano 2018.

A segunda foi aprobar as bases da convocatoria pública de selección de actividades ou proxectos para o programa de activades dos Centros Cívicos do Concello de Ourense do curso 2017-2018. Terá a seguinte distribución por anualidades: 5.000 euros para o ano 2017 e 17.657 euros para o ano 2018.

A última, tamén foi para as bases da convocatoria pública de selección de actividades ou proxectos para o programa de activades dos Centros Cívicos para nenos e nenas do Concello de Ourense do curso 2017-2018, coas seguintes anualidades: 13.250 euros para 2017 e 17.656 euros para o 2018 .

Persoal e Recursos Humanos. Finalmente, inadmitíronse a trámite senllas solicitudes efectuadas por un sindicato policial (SPPME) nas que pedían a rescisión de oficio e declaración de nulidade de pleno dereito das Ofertas Públicas de Emprego 2013 e 2014. O alcalde de Ourense, neste sentido, preguntouse “como é posible que un sindicato policial que protesta a diario pola falta de efectivos na Policía Local, trate agora de impedir dúas ofertas públicas de emprego que achegarán 11 novos efectivos a unha plantilla necesitada de persoal”.

Deja un comentario