Luns 25 de Xuño de 2018

Conde avanza un acordo co sector para promover a lousa no mercado nacional que permita incrementar a produción


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Carballeda de Valdeorras unha xuntanza co clúster, integrado por 43 empresas, na que abordaron a sinatura dun convenio de colaboración neste ámbito
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Carballeda de Valdeorras unha xuntanza co Clúster da Lousa de Galicia, integrado na actualidade por 43 empresas, na que se abordou, entre outros asuntos, a necesidade de promover este sector no mercado nacional co obxectivo de incrementar a produción. Para iso, Conde avanzou a sinatura dun convenio de colaboración por valor de 60.000 euros para acadar este fin.

O conselleiro explicou que se pretenden levar a cabo xornadas técnicas a nivel nacional con arquitectos, aparelladores e construtores, así como campañas de divulgación sobre as vantaxes do uso da pedra natural e encontros coas administracións públicas para incidir na importancia do uso deste material na obra pública. O obxectivo, segundo apuntou Conde, é mobilizar ao mercado nacional aumentando a demanda, xa que na actualidade Galicia produce máis do 85% da produción española e exporta o 95% da produción.

Na reunión, ademais, Conde explicou que a Xunta comparte co clúster a necesidade de promover e impulsar as vendas da lousa galega no mercado actual salientando a importancia da mellora da competitividade a través da innovación. Puxo en valor, así mesmo, o apoio da Administración autonómica ao sector nos últimos anos nos que a Consellería de Economía, Emprego e Industria acadou, desde 2009, a mobilización de 16,6 millóns con diferentes liñas de axudas.

A lousa en Galicia
O sector da lousa en Galicia está integrado practicamente na súa totalidade no clúster que representa toda a cadea de valor: extracción, elaboración, comercialización, colocación e I+D+i. O sector está formado por pequenas e medianas empresas nas que o número de traballadores oscila de media entre 25 e 50. En total, son 2.400 empregos directos e de xeito indirecto preto de 10.000. A lousa é, ademais, o principal motor económico das comarcas produtoras: Valdeorras, na provincia de Ourense, Quiroga, Folgoso do Courel, a zona de Vilarchao e os concellos de Mondoñedo, Pastoriza, Lourenzá, Samos e Pol, na de Lugo e Ortigueira, na da Coruña. Francia é o principal país receptor da lousa galega.

Deja un comentario