Luns 25 de Xuño de 2018

A XVI edición da romaría etnográfica “Raigame” homenaxea ao Museo do Pobo Galego


Esta Festa de Interese Turístico de Galicia, co-organizada pola Deputación de Ourense e o Concello de Celanova, celebrarase o vindeiro 17 de maio en Vilanova dos Infantes

A XVI edición da romaría etnográfica “Raigame” homenaxea o Museo do Pobo Galego, que neste 2017, celebra o 40 aniversario da súa inauguración. Esta Festa de Interese Turístico de Galicia, co-organizada pola Deputación de Ourense e o Concello de Celanova, celebrarase o vindeiro 17 de maio en Vilanova dos Infantes, no municipio de Celanova. A presentación tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial onde participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a directora do Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”, Mariló Fernández; e o alcalde e o técnico de Cultura do Concello de Celanova, José Luis Ferro e Antonio Piñeiro, respectivamente.

O vicepresidente da Deputación de Ourense sinalou que “Raigame”, “é o evento etnográfico máis importante que ten lugar na provincia de Ourense, vencellado ás nosas letras e ás nosas tradicións”. Asemade, Rosendo Fernández explicou que se trata dunha celebración “xa consolidada que ofrece numerosas actividades tanto etnográficas como de lecer que poñen en valor a nosa cultura, a nosa lingua e as nosas tradicións”.

As actividades que se desenvolverán no marco de “Raigame” estarán estreitamente relacionados co Museo do Pobo Galego así, haberá unha exposición que fai un repaso pola historia destes 40 anos do Museo baixo o título “Un museo, miles de historias”, outra mostra que baixo o lema “Teño un museo” ofrecerá reproducións dunha serie de pezas do Museo. Tamén se celebrará o II Simposio de Raigame, 40 anos do Museo do Pobo Galego, con dúas breves charlas seguidas dun debate co público asistente.

Asemade, e como en edicións anteriores, tamén participarán grupos de música, teatro e baile, e os tradicionais postos de gastronomía, así como máis de 40 artesáns traballando en vivo e facendo demostracións. A programación complétase cun concurso de fotografía e coa entrega da terceira edición do Premio Honorífico “Adolfo Enríquez” que recoñece o traballo de persoas e institucións en prol da recuperación, o estudo e a difusión da cultura tradicional, así como a súa colaboración coa Romaría. Nesta edición o galardón recae no Museo do Pobo Galego e será recollido por un representante da institución na praza Maior de Vilanova, ás 13.30 horas.

Outra das actividades incluídas na programación deste ano e como novidade será o cine “Carlos Velo”, un espazo para a proxección de documentais relacionados coa antropoloxía e a etnografía. “Trátase da primeira iniciativa ligada á Fundación Carlos Velo que acaba de comezar a funcionar”, asegurou Antonio Piñeiro. Antes de cada proxección realizarase unha pequena presentación dos documentais e nesta primeira edición incluirá O carro e o home de Antonio Román e Xaquín Lorenzo. Os documentais serán aportados polo Museo Etnolóxico de Ribadavia.

O alcalde de Celanova dixo que a romaría etnográfica “Raigame” é unha festa moi importante para todos os galegos porque “exalta a nosa lingua e a nosa cultura, cun completo programa de actividades que a converten nunha celebración familiar e nunha boa ocasión para que os nenos coñezan os oficios que había antes”. Asemade, José Luis Ferro sinalou que a romaría supón “un escaparate da Vila dos Infantes e da capitalidade de Celanova porque cada ano atrae a máis xente”. Nese mesmo senso, o técnico de Cultura do Concello de Celanova dixo que esta celebración é “unha mostra dun programa de dinamización dun conxunto urbano tan singular como é Vilanova dos Infantes”.

Pola súa banda, Mariló Fernández destacou que a organización desta festa encaixa cos obxectivos do Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo” de “recoller, transmitir e difundir a cultura popular” e engadiu que este ano Raigame “recreará en vivo todo aquilo que se pode atopar no Museo do Pobo Galego”. En canto á programación, destacou que a longo da xornada “un carpinteiro, en colaboración cun ferreiro, fará demostracións de cómo facer e montar un carro galego e tamén, procederán a ferrar unha roda”.

Por último, o deputado provincial de Cultura agradeceu o esforzo de “todos aqueles que fan posible esta celebración que consegue en cada edición máis éxito e que revive, ano tras ano, o que fomos, o que somos e serve de guía para o que seremos no futuro”.

Deja un comentario