Luns 25 de Xuño de 2018

A décima andaina de Paderne de Allariz será a favor da Asociación Española contra o Cancro


A proba, con dúas posibles rutas de 9 e 20 quilómetros, celebrarase o día 21 de maio

O Concello de Paderne de Allariz e a Asociación de Mulleres Rurais de Solveira organizan a súa décima andaina que será a favor da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), con dúas posibles rutas: unha curta de 9 quilómetros e unha longa de 20 quilómetros. A presentación deste evento deportivo tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e o tenente de alcalde de Paderne de Allariz, José Manuel Fernández e José Abad, respectivamente; a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Solveira, María del Carmen Pérez; o colaborador da andaina, Máximo Hevia, e a tesoureira da Asociación Española contra o Cancro en Ourense, Odila González.

Rosendo Fernández dixo que a Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa que aglutina “deporte, saúde, natureza e solidariedade nun mesmo evento” e destacou “ que “das dez andainas que se celebraron en Paderne de Allariz, as dúas últimas edicións teñen un marcado carácter solidario”. Así mesmo, o vicepresidente do goberno provincial salientou o labor que realiza a AECC de Ourense “con múltiples actividades que celebran ao longo do ano co fin de colaborar nesa loita e mitigar as consecuencias desta enfermidade”.

O alcalde de Paderne de Allariz sinalou que “o 75% do recadado irá destinado a esta asociación” e animou a xente a “coñecer o municipio e a colaborar coa AECC que precisa o apoio de todo o mundo”. En canto á participación, José Manuel Fernández dixo que nas últimas edicións “participaron sobre 400 persoas e este ano esperamos chegar ás 500”.

Pola súa parte, Odila González agradeceu aos organizadores da proba que “escolleran a nosa asociación para esta acción solidaria” e destacou a “gran incidencia que ten esta enfermidade actualmente polo que, valoramos moito estes esforzos”. “A recadación da andaina irá destinada para o banco de perrucas”, engadiu a tesoureira da Asociación Española contra o Cancro en Ourense.
A saída da proba será ás 9.30 horas na Casa do Concello e os interesados en participar poderán inscribirse ata o vindeiro 18 de maio por un prezo de 6 euros co que entrarán nos sorteos de material para a andaina e dunha estancia nun balneario da provincia de Ourense para dúas persoas.

Deja un comentario