Sábado 20 de Outubro de 2018

A Xunta destaca no Carballiño a calidade e a profesionalidade das prazas de abastos galegas


A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou o mercado a cuxa modernización a Consellería de Economía, Emprego e Industria leva destinado 115.000 euros nos dous últimos anos

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou o mercado do Carballiño, onde destacou a calidade e a profesionalidade das prazas de abastos galegas.

Tal e como se subliñou na visita, a Consellería de Economía, Emprego e Industria leva apoiado a modernización do mercado nos dous útimos anos con 115.000 euros, que se destinaron á remodelación das instalacións e dos accesos, así como á creación e mellora de espazos multifuncionais e aparcadoiros da praza de abastos.

Sol Vázquez Abeal sinalou na visita que para continuar contribuíndo á execelencia dos mercados galegos, a Xunta vén de activar unha nova convocatoria de axudas cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de maio.

Por unha banda, os concellos poden obter axudas de ata 60.000 euros e un 70% do investimento, dependendo do estado do mercado, para a realización de melloras nas instalacións das prazas de abastos e a posta en marcha de novos servizos para os clientes. Entre as actuacións apoiadas atópanse, ademais do acondicionamento do edificio, a posta en marcha de novos sistemas de comercialización on line, e aspectos relacionados coa loxística e a presentación do produto. Os municipios tamén poden solicitar axudas de ata 20.000 euros e o 50% do investimento a realizar para a adecuación dos espazos onde se celebran os mercados tradicionais e ambulantes, referentes na venda dos produtos locais e tradicionais de calidade.

Como novidade, este ano as asociacións e cooperativas de praceiros poderán solicitar tamén axudas para a adecuación das instalacións, e melloras no interiorismo e imaxe, a exposición do produto ou os sistemas de comercialización. Neste caso, as axudas poderán chegar ata os 40.000 euros e alcanzarán o 50% do investimento.

No caso das asociacións e cooperativas situadas en concellos polos que pasa o Camiño de Santiago poderán un ano máis solicitar os apoios para a creación de lotes de produtos con empaquetado específico no marco da iniciativa Mercados no Camiño, que busca así aproveitar as sinerxías entre turismo e comercio nas localidades polas que discorren as rutas xacobeas.

Estas actuacións apoiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria irán acompañadas da realización de iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, co obxectivo de aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.

O programa enmárcase no Plan de Mercados Excelentes de Galicia 2016-2020, que recolle 20 actuacións específicas que permiten potenciar estas infraestruturas comerciais como espazos de emprendemento e de dinamización económica, adaptados aos novos hábitos dos consumidores e vinculados ao territorio.

Dentro dese plan, este ano xa se puxeron en marcha as axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e as prazas de abastos, dotadas con dous millóns de euros, e o programa de Espazos activos de emprendemento comercial no rural, cun orzamento de 600.000 euros.

Deja un comentario