Xoves 15 de Novembro de 2018

A Xunta inicia o trámite de expropiacións para a construción da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a licitación do contrato para a realización das expropiacións e establece como data límite para a presentación de ofertas o vindeiro 18 de maio

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, reuniuse hoxe co alcalde do concello de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández, para comunicarlle que mañá o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución da Consellería de Infraestruturas e Vivenda pola que se anuncia a licitación do contrato do servizo para a realización das expropiacións necesarias para a execución da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas.

Díaz Mouteira trasladoulle ao rexedor que con esta publicación no DOG “o Goberno galego dá un paso máis na tramitación deste proxecto tan demandado pola veciñanza e empresarios da zona, o que permitirá avanzar na súa construción”.

A Xunta licita este servizo por un importe de máis de 65.000 euros e establece un prazo de execución de 24 meses. A presentación de ofertas poderá realizarse nun prazo que ten como data límite o vindeiro 18 de maio.

Con este trámite a Xunta avanza nesta infraestrutura viaria que pretende impulsar unha conexión estratéxica que atenderá a demanda empresarial e cidadá, favorecer a mobilidade e os desprazamentos nesta área e ofrecer facilidades para que as industrias asentadas poidan medrar. A mellora das conexións suporá novas oportunidades para que o polígono se converta en polo de atracción de novos investimentos na provincia de Ourense e de toda Galicia.

A vía, que contará con 4,5 quilómetros de lonxitude e percorre os termos municipais de San Cibrao das Viñas e de Taboadela, reduce o percorrido de conexión coa autovía en aproximadamente nun 66%, ao pasar de 11 a 4,5 quilómetros; e, adicionalmente, mellora a conectividade coa autovía de Celanova.

Deja un comentario