Luns 27 de Maio de 2019

A Xunta activa a nova estratexia galega de seguridade e saúde no traballo con 163 medidas para reducir a sinistralidade


Covadonga Toca sinala que a planificación inclúe 6 obxectivos estratéxicos para consolidar a cultura preventiva no tecido empresarial e entre os traballadores

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou en Ourense, na inauguración da exposición Construímos seguridade da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (ACO), con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, que a nova Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 da Xunta inclúe un total de 163 medidas para reducir a sinistralidade laboral e consolidar a cultura preventiva no tecido empresarial e entre os traballadores.

Toca indicou que a loita contra a sinistralidade laboral é unha prioridade para a Xunta e, por iso, traballa en políticas encamiñadas a reducir os accidentes no traballo a través da Axenda 20 para o Emprego. A nova folla de ruta inclúe 6 obxectivos estratéxicos e, segundo explicou Toca, foi elaboradora pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), en coordinación co resto de departamentos da Administración, e froito do consenso cos interlocutores sociais.

Toca salientou que, como novidade, e, entre as 163 medidas, a Estratexia promoverá que os pregos de condicións para contratar coa Administración Pública contemplen compromisos ou aspectos concretos de seguridade e saúde laboral como son por exemplo horarios de traballo ou períodos de descanso.

A Xunta, ademais, reforzará a especial atención que xa presta a colectivos específicos como son, entre outros, as mulleres embarazas ou en período de lactación, traballadores de idade avanzada ou aqueles menores de 18 anos, autónomos, empregados temporais, con pouca experiencia laboral ou persoas con capacidades diferentes. Con respecto ás mulleres, tamén se considerarán de xeito especial riscos específicos neste colectivo como poden ser os trastornos musculoesqueléticos ou certos tipos de cancro, ao tempo que se impulsará a integración da perspectiva de xénero en todos os aspectos relacionados coa prevención, en especial naqueles sectores con maior presenza das mulleres. Así mesmo, Toca puxo en valor que a través da nova Estratexia se creará unha comisión técnica para estudar os riscos emerxentes, como pode ser o caso das actividades vinculadas ás novas tecnoloxías da comunicación e á nanotecnoloxía, ao tempo que se incorpora unha liña dirixida ás posibilidades de innovación no eido da prevención.

O Goberno galego, ademais, potenciará unha formación de calidade en prevención, incluíndo ao alumnado dos ciclos de formación profesional con cualificación básica antes de iniciar as súas prácticas, e apostarase pola redución de trastornos musculoesqueléticos, a través do Mapa do risco ergonómico de Galicia que vén de elaborar a Consellería. Outra das medidas que se contemplan é o desenvolvemento de estudos de investigación relacionados co estrés laboral ao abeiro do Acordo Marco Europeo. A formación permanente do empresariado, autónomos ou técnicos de prevención é outra das medidas da folla de ruta.

Todas estas medidas pretenden cumprir cos 6 obxectivos específicos da Estratexia: mellorar a eficiencia das institucións públicas dedicadas á prevención de riscos; promover a implicación dos interlocutores sociais e dos actores vinculados á seguridade e saúde no traballo; mellorar e facilitar o cumprimento efectivo da normativa sobre prevención, así como a súa vixilancia e control; potenciar as actuacións das administracións en materia de análise, investigación, información, promoción, apoio e asesoramento técnico; fomentar a mellora das condicións da seguridade laboral con especial atención a sectores, empresas e colectivos que presentan maior risco; e impulsar unha formación de calidade en materia de prevención de riscos e a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega.

A Xunta con esta Estratexia afianza as súas políticas de seguridade e saúde laboral reforzando a coordinación de todos os actores implicados e consolidando ao ISSGA como órgano técnico especializado na materia e impulsando as funcións propias da Inspección de Traballo e Seguridade Social no eido preventivo. A Xunta, en palabras de Toca, busca a integración definitiva da prevención no sistema de xestión das empresas galegas. A folla de ruta recolle unha revisión intermedia, ao remate de 2018, no seno do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, para incluír as melloras e actualizacións que se detecten.

Construímos seguridade
A exposición inaugurada pola Asociación Provincial de Empresarios da Construción (ACO) está formada por 11 láminas, realizadas polo debuxante Xosé Lois González, O Carrabouxo, cos principais riscos laborais do sector da construción. A actuación contou co apoio da Xunta a través das axudas destinadas a accións de prevención de riscos laborais.

O acto forma parte das actuacións levadas a cabo pola asociación con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, que se celebra hoxe, e que este ano céntrase na necesidade dos países de mellorar a súa capacidade para recoller e utilizar datos máis axeitados sobre seguridade e saúde no traballo co obxectivo de promover un crecemento económico sostido, inclusivo e sostible e un emprego pleno e produtivo, ao tempo que se protexan os dereitos laborais e contornas de traballo seguro.

Deja un comentario