Sábado 26 de Setembro de 2020

A Xunta de Goberno aproba máis de 350.000 euros para temas de internacionalización, servizos sociais, infraestruturas e cultura


 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou un total de 357.222,76 euros en axudas para entidades e concellos da provincia de Ourense destinadas a temas de internacionalización, servizos sociais, infraestruturas e cultura. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao xoves 27 de abril.

En concreto, aprobou unha axuda de 2.000 euros para a Asociación Galega de Feiras/Eventos (AGAFE) para gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2017. Para a Asociación de Pais, Profesionais e Amigos de persoas con discapacidade intelectual Special Olympics Galicia, unha axuda de 10.000 euros para a promoción das actividades para persoas con discapacidade na provincia de Ourense correspondentes ao ano 2017. Outra das axudas aprobadas foi para a Delegación Española da Fundación Advanced Leadership por importe de 200.000 euros para a misión comercial.

En materia de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 13.945,25 euros para o Concello de Bande destinada á instalación de calefacción na planta baixa do concello, unha axuda de 60.000 euros para o Concello de Baños de Molgas destinada a melloras na rede viaria municipal. Para o Concello de Celanova, unha axuda de 25.000 euros para gastos de mantemento da Escola Infantil do municipio, correspondentes ao ano 2017. A Xunta de Goberno aprobou tamén unha axuda para o Concello da Merca por importe de 16.277,51 euros para a adquisición de maquinaria para o pavillón de deportes e, por última, unha axuda de 30.000 euros para o Concello de Xunqueira de Espadañedo destinada aos gastos de funcionamento e a realización de actividades no Museo de Olería de Niñodaguía, correspondentes ao ano 2017.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou cinco modificacións de convenios de cooperación en materia de Medio Ambiente, concretamente a modificación do convenio marco de colaboración coas entidades locais da provincia para a prestación de asistencia técnica de xestión de concesións demaniais de abastecemento de auga potable. A seguinte modificación afectaría ao convenio marco de asistencia técnica aos municipios e demais entidades para o control e mantemento de depuradoras compactas.

A terceira e cuarta modificacións corresponden aos convenios marco de colaboración coas entidades locais da provincia para a prestación de asistencia técnica: en materia de xestión de autorizacións de vertidos de augas residuais urbanas municipais durante os exercicios 2015 e seguintes, e para a explotación de estacións depuradoras de augas residuais de tipo biolóxico e biodiscos durante os exercicios 2015 e seguintes.

A última modificación a tratar afectaría ao convenio marco de colaboración entre a Deputación de Ourense e os concellos e mancomunidades da provincia para o cumprimento das obrigas municipais en materia de augas, destinadas ao consumo humano previstas no Real Decreto 140/2003, do 7 de febreiro, durante os exercicios 2017 e seguintes.

Deja una respuesta