Luns 03 de Agosto de 2020

Ourense en Común emenda os orzamentos do estado pedindo máis inversión para Ourense


En Marea trasladará as alegacións ao goberno central a finais de maio

Ourense en Común trasladou ao grupo parlamentar de En Marea no Congreso dos Deputados un documento no que fai alegacións ao borrador dos Orzamentos Xerais do Estado, en defensa dunha inversión estatal en Ourense que garanta a execución da Variante Exterior ou a reapertura do Arqueolóxico Provincial.
Ourense en Común cualifica como “pírrica” a asignación prevista para a variante exterior, que “non garante a súa execución, sendo unha actuación fundamental para Ourense”. O grupo engade que os cen millóns previstos para acondicionar o trazado tradicional “poñen de manifesto que non existe un interese real en desenvolver o proxecto. A solución provisional do PP pode ser a solución definitiva e sería un erro e unha traizón histórica, seccionando a cidade e mantendo unha fenda urbana o próximo século”. Tamén en referencia á Alta Velocidade, Ourense en Común alega que ademáis “non hai unha partida asignada para a execución da estación intermodal”, que “debera ser integrada na execución da propia variante”.
A defensa do Museo Arqueolóxico Provincial centra outra das emendas presentadas, na que se solicita “un investimento digno” para que este equipamento “saia do desleixo de décadas pechado por unha reforma”. O grupo matiza que as partidas de 200.000 € incluidas en orzamentos de anos anteriores “nunca chegaron a executarse”, perpetuando a espera polas obras de rehabilitación que permitan a reapertura de portas deste espazo, “para garantir que a cultura, o patrimonio e a nosa historia estean ao alcance de todos os ourensáns e visitantes”.
O grupo cuestiona ademais a partida destinada á nova sede da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, cuxos montantes anteriores tampouco chegaron a executarse, apuntando a que o período de execución “non é real”, xa que a finalización estaba prevista para 2017. Así, o grupo mantén que “esta actuación non se executará”, polo que solicita coñecer en que se reinvertirá o investimento previsto de máis de 7 millóns de euros.
OUeC plantexa tamén as incertezas existentes coa nova sede do Arquivo Histórico Provincial e a Biblioteca, cuxo grande retraso esperta dúbidas de se foron executadas as partidas de anos anteriores.
As emendas presentadas ao borrador dos Orzamentos Xerais do Estado presentado polo goberno central Partido Popular, debateranse os días 22, 23, 24 e 25 de maio. Do 29 de maio ao 1 de xuño o proxecto volverá ao pleno da Cámara Baixa para ser remitido ao Senado. A votación final das Contas do Estado para este ano terá lugar entre o 27 e 29 de xuño.

Deja una respuesta