Sábado 20 de Outubro de 2018

A Deputación de Ourense e o colexio Maristas co-organizan unha xornada formativa para sensibilizar sobre o bo uso da auga


O evento tivo lugar  na Área Termal de Barbantes (Cenlle), no que participaron alumnos de bacharelato deste centro educativo e técnicos de AquaOurense e da institución provincial

A Deputación de Ourense e o colexio Maristas Santa María de Ourense co-organizaron unha xornada formativa sobre “A auga como recurso”, un evento que tivo lugar esta mañá na Área Termal de Barbantes (Cenlle) e no que participaron alumnos de bacharelato deste colexio ourensán. Na súa intervención, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou a importancia de accións divulgativas como esta, “que conciencian sobre a importancia de preservar o principal tesouro que temos na provincia de Ourense: a auga, para que todos actuemos con responsabilidade e sensibilidade cara o noso ben máis prezado”.

O presidente do goberno provincial dixo que na provincia de Ourense “auga e termalismo son dous conceptos unidos, que falan da nosa potencialidade como medio natural e que fan que poidamos manter alianzas internacionais nos ámbitos deportivo, institucional e con organizacións líderes no sector do medio ambiente, grazas á singularidade do noso termalismo”, e citou como exemplo o interese que amosan cada ano seleccións nacionais de remo de diferentes países por realizar as súas tempada de adestramento no Centro de Adestramento de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño.

A xornada de hoxe enmárcase no proxecto que alumnos de primeiro de Bacharelato do Colexio Marista Santa María de Ourense están a desenvolver sobre a auga como “molécula de vida”, estudándoa desde distintos puntos de vista, unha actividade tamén vencellada ao Plan “Ourense, a provincia termal”.

A xornada contou tamén coa participación do alcalde de Cenlle, Grabiel Alén, e da deputada provincial de Termalismo, Ana Villarino, quen falaron da auga como recurso e ben indispensable neste concello e do termalismo da provincia, respectivamente. Ana Villarino sinalou a importancia do termalismo na nosa provincia “como recurso turístico capaz de xerar riqueza, crear emprego, e axudar a fixar poboación nas zonas rurais”, e felicitou aos profesores e aos alumnos por levar a cabo esta iniciativa, por tratar sobre a auga como un dos nosos grandes tesouros e pola importancia que ten o feito de que os ourensáns máis mozos sexan partícipes do desenvolvemento termal da nosa provincia”.

A xornada continuou coa intervención de técnicos de AquaOurense quen explicaron a xestión do ciclo integral da auga no concello e tamén do control da calidade da auga no uso domiciliario. Os alumnos realizaron tamén experimentos e visitas referidas a depuración, saneamento e distribución da auga, e participaron nun relatorio sobre a auga termal ao longo da historia.

Deja un comentario