Sábado 26 de Maio de 2018

Ourense en Común intercederá en defensa dun reparto xusto no traslado provisional da Praza de Abastos


As praceiras requiren que sexa o Concello e non a asociación de comerciantes quen defina o reparto na instalación provisional

Ourense en Común iniciaba onte unha liña de traballo para avaliar colectivamente a xestión e políticas que está a levar o goberno de Jesús Vázquez na área de Comercio.
No encontro celebrado no Espazo en Común participaron, ademáis de Miguel Doval, concelleiro do grupo, comerciantes, praceiras, xuristas e veciñas que quixeron tomar parte desta primeira reunión aberta, que se centrou principalmente na Praza de abastos das Burgas, e máis concretamente no traslado provisional das praceiras cando se inicien as obras de rehabilitación do actual edificio.
Froito da análise da situación na que se atopa o traslado das praceiras, Ourense en Común puido saber que o Concello cedeu á Asociación de comerciantes da Praza a responsabilidade da distribución dos espazos na estructura provisional, cuxa directiva pretende facer un reparto partidario e inxusto co que algunhas praceiras perderán máis do 75% do volume co que contan actualmente para desenvolver a súa actividade comercial. “O reparto debe facerse desde a imparcialidade e non desde o interese parcial da directiva da asociación”.
As presentes, trasladaron a Miguel Doval a súa preocupación por esta cuestión, ademáis de denunciar non ter respostas do Concello, malia ter requirido formalmente a través do rexistro que sexan os técnicos municipais os responsables do reparto de espazos, por ser quen teñen as competencias nesta obra. “O Concello únicamente se preocupa en saber cantos enchufes e grifos de auga quente precisamos, pero non de que teñamos un espazo equitativo para todas, nin das necesidades da nosa mercancía. Nalgúns casos, un tabique de pladur non vai soportar a carga que precisamos”.
Na xunta de área do próximo martes, Miguel Doval trasladará o recollido neste encontro á responsable de Comercio, Flora Moure, e insistirá para que se reactive a comisión de seguimento do traslado da Praza, xa que “abrir comisións, para telas nun caixón, nin é seguimento nin serve para nada”. Esta comisión foi únicamente convocada unha vez , en abril de 2016, “hai xa un ano”.
Ourense en Común continuará avaliando o estado da área de Comercio do Concello, promovendo próximamente máis encontros participados como o de onte, para os que convocará proximamente a artesáns, feirantes, asociacións de comerciantes e hosteleiros.

Deja un comentario