Venres 19 de Xullo de 2019

Presentación da terceira proba do Campionato de España de Cross Country de motociclismo


A proba deportiva terá lugar o vindeiro domingo, 9 de abril, no Concello do Irixo
O Concello do Irixo acollerá o vindeiro domingo, 9 de abril, a terceira proba do nacional de Cross Country de motociclismo, tralas dúas xa disputadas este ano en Guadalaxara e Ablitas. A presentación desta proba deportiva tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González: o presidente da Federación Galega de Motociclismo, Jose Canda Rodríguez; e o tenente de alcalde do Concello do Irixo, Manuel Cerdeira.

Rosendo Fernández dixo que “tralas dúas probas xa disputadas en Guadalaxara e Navarra, son moitos os pilotos que están inmersos na competición polas primeiras posicións e cada carreira resulta moi importante”. Asemade, o vicepresidente da Deputación de Ourense lembrou que é “a terceira vez que o Concello do Irixo acolle esta proba”.

Os pilotos percorrerán un traxecto de 12 quilómetros por camiños e pistas forestais. “Ata o momento contamos con 44 inscritos pero, os interesados en participar aínda poden inscribirse, fóra de prazo, na páxina da Federación”, explicou Jose Canda. As categorías convocadas son: Sénior, Junior, Sénior B 2T, Sénior B 4T, Máster, Veterano e Feminino.

A programación comeza o sábado, 8 de abril, desde as 16.00 ata as 18.00 horas, poderán pasar, de maneira oficial, as verificacións administrativas e técnicas. Isto tamén se poderá facer ao día seguinte de 8.00 a 9.30 horas. Ás 9.45 horas do domingo, farase o briefing para os pilotos, ás 10.15 horas a volta de recoñecemento e ás 11.30 horas arrancará a carreira. Unha vez finalizada a carreira será o momento da entrega dos trofeos desta terceira proba do nacional de Cross Country.

As vindeiras probas do Campionato desenvolveranse en Asturias e Castellón.

Deja un comentario