Sábado 26 de Setembro de 2020

A Deputación de Ourense entrega os IV Premios “Estatuto de Autonomía para Galicia”


Manuel Baltar dixo que esta é unha data “para poñer en valor o noso Estatuto, que permitiu 36 anos de progreso e dotar a Galicia dun autogoberno do que estarían ledos os senlleiros representantes do pensamento político galeguista”

A Deputación de Ourense entregou hoxe os IV Premios “Estatuto de Autonomía para Galicia”, que conmemoran nesta edición o 36º aniversario da norma institucional básica galega. Baixo o lema “A nosa lingua” (artigo 5 do Estatuto), presentáronse ao concurso 330 traballos de estudantes de centros educativos da provincia de Ourense dos niveis de Infantil, Primaria, Secundaria e Educación Especial, nas modalidades de debuxo e redacción escolar. O acto, celebrado no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, e a secretaria da Delegación da Xunta en Ourense, Silvia Dorado, ademais de representantes políticos, sociais e institucionais de ámbito provincial, autonómico e estatal.

A Deputación de Ourense, que organiza por cuarto ano consecutivo este certame, é a única institución, agás o Parlamento, que rende homenaxe á norma institucional básica galega. “Esta é unha data para poñer en valor o noso Estatuto, que permitiu 36 anos de progreso e dotar a Galicia dun autogoberno do que estarían ledos os senlleiros representantes do pensamento político galeguista, nunha Galicia como a actual, con poder lexislativo, autonómico e xudicial, e esa é a cuestión máis importante: falar do noso Estatuto, hoxe, neste salón de actos, cheo de xente nova”, destacou Manuel Baltar no seu discurso. O presidente do goberno provincial anunciou que a Deputación de Ourense editará unha publicación cos traballos gañadores “para que sempre os teñamos presentes, porque todos os anos son bos para lembrar o noso Estatuto, e tamén o Parlamento, a casa de todos os galegos, cun protagonismo especial e esencial da provincia de Ourense”.

Agradecemento aos escolares

Manuel Baltar agradeceu aos escolares da provincia a súa participación e o feito de que “dedicasen un tempo a pensar, a falar e a reflexionar sobre o Estatuto e sobre a nosa lingua que, sen dúbida, é o noso maior tesouro colectivo, a cal debemos empregar, fomentar, respectar e promover con orgullo porque é nosa e serve como vehículo e instrumento de comunicación”.

O presidente do Parlamento afirmou que actos como este, promovido pola Deputación de Ourense, “referendan o noso Estatuto e os nosos valores, e este ano conmemoramos os 36 anos da nosa norma de convivencia, e os 35 anos do Parlamento de Galicia”, e valorou moi positivamente que un dos premios sexa que os estudantes visiten o Parlamento, “porque esa é a nosa intención: abrir aínda máis esta institución á sociedade, para que a súa labor sexa coñecida por toda a cidadanía”, expresou Miguel Santalices.

O xurado desta cuarta edición estivo presidido polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, sendo vicepresidente o deputado provincial, Manuel Doval, e vogais: Adolfo González Nóvoa, Armando Ojea Bouzo e Monserrat Lamas Nóvoa. Como secretario actuou o asesor de Cultura da Deputación de Ourense, Aurelio Gómez Villar.

O acto contou na súa parte musical coa participación do coro do Colexio Padre Feijoo-Zorelle de Ourense, que interpretou ao comezo o Himno da Provincia de Ourense, “Ourense no solpor”, e ao remate o Himno de Galicia.

Nesta edición resultaron premiados alumnos dos colexios CEE O Pino; La Purísima; Padre Feijoo-Zorelle; San José-Josefinas; CEIP Castrelo de Miño; Sagrado Corazón, do Carballiño; Carmen García Carrasco, de Cenlle; Saco e Arce, de Toén; Rodolfo Núñez Rodríguez, de Vilardevós, e Maristas.

A relación dos premiados é a seguinte:

Educación Especial: Juan M. Fernández Vázquez. Educación infantil: Aldara Freire Parente, Vera Losada Rodríguez e Silvie Mendy Mendy. Educación Primaria: Xosé Álvarez Prieto, Noa Pérez Viso, Daniel Rios Sotelo, Candela Rodríguez Estévez, Jimena Soto Fernández, Marta Villar Rodríguez e Lucía Zamora Pérez. Educación Secundaria Obligatoria (ESO), Ciclo Medio de FP e Bacharelato: Silvia Araújo Barreiro, Ana Blanco Otero, Mirian Caiña García, Alicia Conde Freire, Carlos Cuesta Temes, Gema da Rocha Casas, Ramón Estévez Lochmüller, Benito Estévez Trigás, Sara Feijóo Alberte, Carlota María Fernández Conde, Aarón García Filgueira, Nicolás García Ortega, Paula Gómez Valencia, Brais González Antón, Noa León Gómez, Cristina Perea Corral, Adriana Rodríguez Novo, Alex Roó Fernández, Iván Vázquez González e Nicolás Vila Pérez.

Esta IV edición contou coa participación de 330 traballos, dos cales 274 corresponden á modalidade de Debuxo ou Traballo Artístico, de alumnos de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial, e 56 traballos, á modalidade de redacción, de alumnos de ESO, Bacharelato e ciclo medio de Formación Profesional. Na modalidade de debuxo seleccionáronse as 12 mellores obras, que recibiron un diploma e un lote de libros, e na modalidade de redacción, os 20 mellores traballos, que foron premiados cun diploma, un lote de libros e unha viaxe a Santiago de Compostela para visitar o Parlamento de Galicia.

Deja una respuesta