Xoves 15 de Novembro de 2018

Conde avalía cos empresarios do Pereiro de Aguiar iniciativas para crear novas oportunidades de negocio na zona


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, escoitou as propostas do tecido empresarial da comarca de Ourense e trasladoulles as principais medidas impulsadas desde a Xunta
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, clausurou unha xornada informativa no Pereiro da Aguiar na que participaron empresarios da comarca. Este networking pretende ser un punto de encontro para que os empresarios coñezan as principais medidas que o Goberno galego está a poñer en marcha no sector co obxectivo de crear novas oportunidades de negocio.
Á súa vez, permite que o conselleiro escoite as propostas dos participantes de cara a seguir mellorando e ampliando as actuacións en materia empresarial na comunidade.

Tal e como explicou Conde, a Xunta prevé impulsar, a través do Programa Galicia Rural Emprende, o emprendemento e o emprego no medio rural galego, apoiando máis de 60 empresas con axudas de ata 70.000 euros. En total, esta liña de apoios destinará 2,5 millóns de euros a promover a diversificación produtiva mediante actividades non agrícolas como as de automoción, téxtil, aeronáutico, químico, medioambiental, TIC ou audiovisual, entre outros. O prazo de solicitude remata o 2 de maio.

No eido das liñas de apoio ás pemes galegas, o conselleiro salientou a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 que, a través de tres programas -Galicia Exporta Organismos intermedios, xestores de internacionalización e Galicia Exporta Empresas- permitirá a internacionalización de máis de 500 pemes galegas cun investimento de 8 millóns de euros.

Conde tamén enumerou as iniciativas que, desde a Xunta, tratan de poñer en valor a capacidade industrial, loxística e xeoestratéxica galega para atraer capital e empresas como a oficina Doing Business, a inversión en innovación e Industria 4.0 ou as liñas de axudas tanto para a mellora de infraestruturas en parques empresariais como para a creación de viveiros industriais. Neste sentido, informou aos asistentes de que a Xunta acaba de activar unha plataforma cidadá para recoller propostas para a elaboración da Lei de implantación empresarial. Autónomos, emprendedores, empresarios e particulares xa poden enviar as súas achegas a través do enderezo electrónico doingbusiness@xuntal.gal. O obxectivo é deseñar unha normativa que se axuste ás necesidades do tecido empresarial galego.

Por outra parte, para favorecer a eficiencia enerxética e diminuir o consumo de enerxías convencionais nas empresas -co aforro económico que lles supón-, a Xunta vén de abrir varias convocatorias de axudas para impulsar proxectos de xeotermia, aerotermia, solar térmica e biomasa. En concreto, destinaranse máis de 4,6 millóns de euros e apoios de ata 200.000 euros por proxecto no caso das axudas para biomasa e máis de 500.000 euros para o resto de enerxías renovables. Os interesados poderán solicitar estas axudas ata o 24 de abril.

O conselleiro tamén lembrou que o Plan de Banda Larga da Xunta facilitará este ano o acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps a catro polígonos da provincia de Ourense (situados dous en Allariz, un Celanova e outro en Pontedeva), que se sumarán aos tres que xa dispoñen deste servizo (no Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras e Verín) e que se seguirán ampliando durante o ano 2018 a Ribadavia, Vilamarín, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

Deja un comentario