Martes 23 de Abril de 2019

Ourense en Común convoca un debate aberto sobre o borrador do Plan Municipal de Equidade de Xénero


A mesa de traballo celebrarase o mércores a partir das 19h no Espazo en Común das Burgas

Ourense en Común convoca, para este mércores día 5 de abril ás 19.00 un debate no Espazo en Común (Burgas, 8), para recoller propostas ao borrador do III Plan de Equidade de xénero 2017-2020 do Concello de Ourense.
Seguindo co seu carácter participativo, o grupo pretende recoller propostas de entidades sociais, colectivos, asociacións e persoas interesadas en avaliar o borrador deste terceiro plan municipal, abordando a igualdade en eidos como o da linguaxe, as oportunidades no emprego, a educación e a cultura, a saúde, a participación cidadá, ou o deporte, e facendo fincapé na prevención das violencias de xénero desde a corresponsabilidade da administración.
“Dende Ourense en Común defendemos a intelixencia colectiva e a participación cidadá como a mellor forma para crear documentos que repercutan no bo funcionamento do Concello de Ourense, con moito máis motivo cando se está a falar de dereitos básicos”.
O período de vixencia técnica deste III Plan de Equidade municipal, previsto para principios deste ano 2017, leva xa catro meses de retraso e “o Partido Popular aínda non puxo o cronómetro a correr e nin sequera levou o borrador a comisión de pleno”, apunta Ledicia Piñeiro.
Con esta convocatoria, Ourense en Común adiántase ao plazo de dez días para a recollida de emendas, pendente aínda de ser aberto.
Ademáis de ser unha convocatoria aberta á veciñanza en xeral, á mesa de traballo deste mércores foron xa convocados colectivos como o Foro Feminista Falando Nós, a Marcha Mundial das Mulleres, a Plataforma Feminista Galega, e persoas que forman parte do Consello Municipal de Igualdade.

Deja un comentario