Domingo 23 de Setembro de 2018

A Deputación apoia a primeira proba ciclista BTT en Coles, cun percorrido de 42 quilómetros


Celebrarase o vindeiro 23 de abril

O Concello de Coles acollerá o vindeiro 23 de abril a primeira edición da súa proba ciclista de BTT, que percorrerá máis de 42 quilómetros polo territorio deste municipio. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” coa participación do deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o alcalde de Coles, Manuel Rodríguez; e os representantes do Club Ciclista Anacrónicos Bike, Victor Arias e Miguel Ángel Cabo.

A Deputación de Ourense colabora con esta proba “que contribúe a dinamizar o noso territorio a través do deporte”, sinalou Juan Anta. Nese mesmo senso, o deputado de Deportes destacou a importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas “que xuntan deporte, ocio e natureza” e que supoñen un “pulo de atracción para o turismo do noso rural ourensá”.

Pola súa parte, o alcalde de Coles agradeceu o apoio do goberno provincial e dixo que obxectivo é que a ruta pola que discorrerá a proba ciclista sexa permanente para que durante todo o ano os veciños e a xente de fóra da localidade poidan gozar dela”.

Os interesados en participar na proba deportiva poderán inscribirse, cun custo de 15 euros, na páxina web “prueba-T”, cunha capacidade máxima de participación de 200 persoas. “Pretendemos que non se masifique a ruta e que todos poidan gozar do percorrido, que terá perfil “pista” e tamén “endureiro”, dixo Victor Arias. O prezo da inscrición inclúe unha camiseta conmemorativa, avituallamentos e servizo de duchas e lavado de bicicletas.

Deja un comentario