Xoves 22 de Agosto de 2019

Ourense en Común demanda un pleno extraordinario para evitar a desaparición do Ateneo


Dúas decenas de colectivos e asociacións constituían onte unha plataforma en defensa do Ateneo

Instar ao Goberno Municipal a que esixa á Xunta de Galicia a cesión urxente e gratuíta dunhas instalacións no actual edificio da Biblioteca Pública de Ourense ou noutro recinto de titularidade autonómica, co fin de evitar a desaparición do Ateneo de Ourense.
Esta foi a petición que Ourense en Común e o Grupo Socialista no Concello rexistraban esta mañá, para a celebración dun pleno extraordinario no que se aborde esa cuestión como único punto na orde do día.
A problemática do Ateneo é en verdade de toda a sociedade ourensá, quen non pode permitirse a desaparición dun foro histórico de debate e creación cultural, e o Concello de Ourense non pode obviar a situación, aínda con máis razón perante o abandono da Xunta de Galicia, malia a formar parte dos seus órganos de dirección segundo recollen os propios estatutos da sociedade.
“Defenderemos a pervivencia do Ateneo fronte ao desleixo institucional das administracións local, provincial e autonómica que hai anos veñen encamiñando á entidade ao fin da súa historia”.
Nestes últimos anos de incerteza, esta sociedade non escatimou esforzos co obxectivo de ofrecer cada ano un amplo programa de actividades, cursos a baixo custe e abriu as súas portas a calquera colectivo ou persoa da cidade para o desenvolvemento de charlas, conferencias, encontros ou debates. Plataformas de actualidade e tan necesarias para a sociedade ourensá, como a agrupación de pais e nais en defensa dun centro público para persoas con diversidade funcional maiores de 21 anos, agromaron neste tempo nas súas instalacións.
O pleno do Concello aprobaba, no pasado mes de febreiro, unha iniciativa para que o Goberno Municipal instara á Xunta de Galicia a ceder de forma gratuíta as instalacións do actual edificio da Biblioteca Pública de Ourense da Rúa Concello (que quedarán baleiras despois do seu traslado ao Complexo de San Francisco) ao Ateneo de Ourense, o Cineclube Padre Feijoo e a diferentes asociacións e colectivos culturais da cidade carentes de espazo físico onde desenvolver a súa actividade.
Os grupos apremian ao Alcalde a cumprir o acordo plenario, e esixen a súa implicación na problemática como interlocutor perante a Xunta de Galicia e como defensor e salvagarda do Ateneo como “espazo de liberdade onde agromaron plataformas tan importantes no pasado e no presente”.

Deja un comentario