Venres 19 de Xullo de 2019

Baltar afirma no foro “Territorio Intelixente” que interconectividade e participación cidadá “son claves na innovación da administración pública”


 

O presidente da Deputación de Ourense inaugurou hoxe en Compostela este evento de temática Smart Cities, no que expertos analizan os retos dos territorios na era dixital desde os puntos de vista económico, ambiental, climático, demográfico e social

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou hoxe en Santiago de Compostela o foro “Territorio Intelixente”, un evento de temática Smart Cities no que expertos analizan os retos dos territorios na era dixital desde os puntos de vista económico, ambiental, climático, demográfico e social. Baltar afirmou que interconectividade e participación cidadá “son claves na innovación da administración pública”, e destacou que a innovación “é unha actitude obrigada na administración pública”, porque no século XXI “a administración ou é electrónica ou non é administración”.

O foro, organizado por Iecisa e no que colaboran o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, tivo lugar no Parador de Compostela coa presenza de representantes institucionais, técnicos e investigadores dos ámbitos de “goberno aberto”, transporte e mobilidade, plataformas Smart Cities e administración electrónica, co obxectivo de abordar os retos do crecemento territorial dentro do ámbito da dixitalización das poboacións.

O presidente do goberno provincial falou de Ourense “como provincia emprendedora que aposta pola tecnoloxía no seu plan de mandato”, e puxo como exemplo o proxecto «Provincia Intelixente», “impulsado pola Deputación da man de multinacionais como Vodafone e IBM”.
Manuel Baltar dirixiuse a técnicos e responsables políticos e empresariais reivindicando “o papel da colaboración público privada e do risco, como un compoñente habitual do éxito na xestión”. “Innovar é ambicionar; ambicionar é mellorar, dixo Baltar, engadindo que a filosofía e o reto do noso traballo son: prestar o mellor servizo público aos veciños do noso territorio, coa interconectividade é a participación como conceptos clave que temos que combinar nas nosas actividades”.

Deja un comentario