Venres 19 de Xullo de 2019

Ourense en Común insta ao alcalde a atender aos orzamentos como “verdadeira urxencia deste Concello”


O grupo denuncia a opacidade coa que o Partido Popular, Democracia Ourensana e PSOE están a negociar un aumento de recursos para os seus grupos

Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá, Ourense en Común denunciaba públicamente o mercadeo co que PP, DO e PSOE están a negociar o aumento de recursos para os grupos da corporación.
Martiño X. Vázquez manifestaba que “é unha verdadeira mágoa que a escala de prioridades dos grupos que nos acompañan na corporación sitúe o debate sobre esta cuestión, en lugar de estar falando de prioridades de gasto, política urbanística, de orzamentos e doutras tantas cousas que si urxen neste Concello e que preocupan ás veciñas de Ourense”.
O voceiro de Ourense en Común avaliaba a petición iniciada por Democracia Ourensana para substituir a adicación exclusiva dun dos seus concelleiros por dous cargos de confianza como a “evidencia do déficit democrático desta organización, querendo cambiar por persoal de confianza aos concelleiros elixidos cos votos dos cidadáns, e mermando con esto a capacidade fiscalizadora dese grupo sobre o goberno, xa que son só as concelleiras, e non o persoal de confianza, as que asisten a xuntas de área e teñen acceso a expedientes e a determinada información”.
En termos económicos, a petición de Democracia Ourensana suporía un incremento de 26.000€ anuais das arcas municipais; unha petición á que se sumou despois o grupo Socialista, que negociou co Partido Popular aumentar a adicación das dúas persoas que tén contratadas como persoal, ata un gasto equivalente ao de DO.
Pola súa banda, o Partido Popular, “en lugar de traballar na RPT, os orzamentos, o PXOM ou tantos outros temas que sí que son urxentes, establece como urxencia este tema, adxuntando un informe xurídico inconsistente para xustificar a posibilidade de modificar ao persoal dos grupos”.
O partido no goberno urxía a Ourense en Común a semana pasada a posicionarse nun prazo de 48 horas, ao que o grupo presentaba o pasado venres un escrito instando ao alcalde a “adiar esta decisión e ligala aos orzamentos, e para que este debate sexa plantexado con equidade e proporcionalidade, e en coherencia ás competencias que cada grupo tén”.

Deja un comentario