Venres 07 de Agosto de 2020

Ourense en Común prepara unha moción para a instalación en Reza dunha área de servizo para autocaravanas


O espazo da vella depuradora acollería nun marco ideal a este turismo, contribuíndo á dinamización do núcleo

Ourense en Común traballa nunha moción para a instalación en Reza dunha zona de servizos para autocaravanas, que serviría de revulsivo para un turismo en crecemento.
Ourense xa é un destino habitual de usuarios deste tipo de vehículos, malia non dispoñer o Concello dunha área autorizada nin dotada dos servizos necesarios para acoller a este turismo, que opta por pernoctar de maneira precaria no parking da contorna da pasarela de Outariz, ou no Campo da Feira.
Ourense en Común indica que “hai múltiples experiencias que acreditan que unha Área de Servizo para autocaravanas potencia o turismo e o desenvolvemento do lugar onde se implanta, polo que integrar esta dotación nos terreos recuperados coa clausura da vella depuradora de Reza redundaría na dinamización social e económica do núcleo, e acollería nun marco ideal a estes turistas, que chegan movidos polo reclamo do termalismo”.
O grupo defende que “o custe para activar este espazo sería mínimo, xa que son suficientes unhas infraestruturas básicas de servizo de auga, baleirado de wc e augas usadas, electricidade e carga eléctrica. Son elementos sinxelos que permitirían incorporar a Ourense ao mapa de autocaravanistas nacionais e internacionais que viaxan por toda a Península e aos que a día de hoxe aínda non chegamos”.

Deja una respuesta