Sábado 18 de Agosto de 2018

A Deputación de Ourense apoia aos concellos da provincia afectados pola modificación da demarcación dos Rexistros da Propiedade


De acordo á publicación no BOE do 4 de marzo de 2017 que recolle o RD 195/2017, a provincia de Ourense contaría coa supresión dos rexistros dos concellos de Bande, Celanova, Pobra de Trives, Ribadavia e Viana do Bolo

A Deputación de Ourense mostra o seu apoio e únese á desconformidade dos concellos da provincia afectados polo RD 195/2017 publicado no Boletín Oficial do Estado do 4 de marzo de 2017, polo que se modifica a demarcación dos Rexistros da Propiedade Mercantís e de Bens Mobles para acomodar a plantilla rexistral á realidade actual, reordenando territorialmente os rexistros existentes, creando outros novos e no seu caso, agrupando os que se consideran inviables, velando así tamén pola accesibilidade dos cidadáns aos servizos rexistrais en condicións de igualdade en todo o territorio. Así o informou esta mañá no Pazo Provincial o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, acompañado polo alcalde de Bande, José Antonio Armada; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; o alcalde de Pobra de Trives, Francisco José Fernández; o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez; e o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández.

Por todo ilo, a Deputación de Ourense como “Concello dos Concellos” quere mostrar o seu “apoio unha vez máis aos concellos da nosa provincia, neste caso aos concellos de Bande, Celanova, Pobra de Trives, Ribadavia e Viana do Bolo, os afectados por esta nova demarcación, para manifestar a noso desacordo con esta nova situación que suporá o peche dos Rexistros destes cinco concellos que levan décadas abertos nesta provincia”, dixo Rosendo Fernández.

“Para nós é inaceptable a supresión deste servizo baseado exclusivamente en número de asentos presentados ou en interinidades prolongadas na titularidade das prazas, obviando empregar criterios propios dun servizo público, como é a proximidade ao cidadán, descoñecendo a realidade do noso país e menoscabando a posibilidade de acceso presencial a este servizo”, explicou o vicepresidente da Deputación de Ourense.
O peche dos Rexistros da Propiedade de Bande, Celanova, Pobra de Trives, Ribadavia e Viana do Bolo, aglutina o territorio de 38 concellos, cunha importante dispersión da poboación, todos eles en áreas rurais e afectando a un total de 58.518 veciños.

De acordo a este Real Decreto, a provincia de Ourense pasaría de contar con 13 Rexistros da Propiedade a 8: Bande e Celanova deixarán de ter Rexistro da Propiedade para depender de Allariz; Trives integrarase no Barco; Ribadavia no Carballiño e Viana do Bolo en Verín.

Pola súa parte, o alcalde de Pobra de Trives, en nome de todos os concellos afectados, dixo “rexeitamos que o Ministerio de Xustiza acordara o peche dos Rexistros da Propiedade, desatendendo os informes desfavorables remitidos anos atrás desde os concellos afectados. Adóptase agora, catro anos despois, unha decisión sen ningún tipo de explicación máis que a recollida na propia norma”.

Nese mesmo senso, Francisco José Fernández puntualizou “queremos significar que para a modificación da demarcación territorial dos Rexistros da Propiedade empréganse criterios inaceptables. Nin sequera se xustifica nun aforro para a administración, pois o servizo págano directamente os cidadáns. Reclamamos que se manteña o actual mapa dos Rexistros da Propiedade”.

Deja un comentario