Domingo 16 de Xuño de 2019

Esquerda Unida aposta por ampliar e fortalecer OUeC de cara as eleccións municipais de 2019


Representantes de Esquerda Unida fan constar que séntense plenamente recoñecidos na praxe política que está a desenvolver Ourense en Común no municipio e amosan a súa disposición para fortalecer este espazo de confluencia

O Espazo en Común das Burgas acollía no día de onte unha nova reunión coa que o GT Apertura de Ourense en Común pretende seguir incentivando a participación das organizacións políticas que manifestaron o seu apoio á candidatura de confluencia que acadaría tres edís nas eleccións municipais en maio de 2015.

“O noso desexo é garantir que as vías de comunicación e as ferramentas de participación dentro de Ourense en Común sigan sendo óptimas. É por isto que estamos solicitando encontros directos coa militancia das organizacións políticas que nos apoian para fomentar a súa participación e para que teñan acceso directo aos órganos de decisión, aos grupos de traballo, etc.”, afirman Montse Malvar e Trinidad Domínguez do GT de Apertura de OUeC.

No encontro valorouse positivamente o traballo realizado ata o de agora e as representantes de Esquerda Unida quixeron facer constar que séntense plenamente recoñecidos na praxe política que está a desenvolver Ourense en Común no municipio, amosando a súa plena disposición para fortalecer este espazo de confluencia de cara as eleccións municipais de 2019.

“Dende Esquerda Unida defendemos a unidade popular que representan os procesos de confluencia como Ourense en Común. Compartimos principios presentes nel como a xustiza social, a igualdade de xénero e a sustentabilidade. Consideramos que estes espazos enriquecen o debate político porque son diversos e prima neles o consenso e a democracia directa” afirma Graciela Rojo que xunto con Carlos Miguélez representaban onte a Esquerda Unida no encontro.

Ourense en Común proseguirá a rolda de contactos co resto de partidos políticos que conforman a confluencia reuníndose a próxima semana con Demos+, á que lle seguirán novos encontros con Espazo Ecosocialista Galego e Equo. A semana pasada mantivo a primeira reunión con Podemos (Consultar aquí: http://ourenseencomun.info/podemos-e-ourense-comun-avanzan-na-consolidacion-da-confluencia-para-2019/)

Deja un comentario