Xoves 02 de Decembro de 2021

Manuel Baltar visita Egatel, no 25 aniversario da creación desta tecnolóxica, referente en innovación en telecomunicacións


O presidente da Deputación de Ourense afirmou que esta empresa “é modelo e exemplo de vangarda tecnolóxica, como avalan as máis de dúas décadas de traxectoria de éxito”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo director xeral de Egatel, Javier Taibo, visitou esta mañá as instalacións desta empresa de I+D, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas. Baltar, quen destacou que o Parque Tecnolóxico é o referente da innovación no Noroeste de España, dixo que Egatel “é un modelo e exemplo de innovación, con 25 anos dunha exitosa traxectoria, como así o acreditan os certificados que a sitúan como a empresa que máis aposta pola innovación en Galicia”.
Así mesmo, o presidente do goberno provincial lembrou que no ano 2016, con motivo da Misión Comercial USA-Ourense, promovida pola Deputación de Ourense, “Egatel foi unha das visitas que con máis interese seguiron as empresas estadounidenses do ámbito da tecnoloxía que visitaron a nosa provincia”, e expresou a colaboración da Deputación de Ourense para as iniciativas que se poidan propoñer “porque quen aposta pola provincia de Ourense merece o noso apoio, como é o caso de Egatel, que durante tantos anos deu mostra do seu éxito empresarial e innovador”.
Pola súa parte, Javier Taibo agradeceu a visita do presidente do goberno provincial “nunhas datas tan importante para nós ao estar cumprindo 25 anos da nosa fundación”, e explicou que Egatel “é unha empresa que exporta tecnoloxía punta a moitos países do mundo, situando a Ourense no máis alto no sector da innovación en telecomunicacións”.
Egatel, fundada en 1992 da man de Esteban Solleiro, enxeñeiro de Telecomunicacións ourensán, é unha empresa especializada en I+D e fabricación de produtos e sistemas de radiofrecuencia destinados a transportar e difundir sinais de televisión, tanto en formato analóxico como dixital, e sinais de radio dixital, para o mercado broadcast profesional global. A compañía está integrada na área de Servizos e Tecnoloxía de COMSA Corporación, grupo referente no ámbito mundial no sector de infraestruturas e enxeñaría. A súa sede central atópase en Ourense e ten delegacións en Madrid, Arxentina, Chile e México. Conta cun persoal de máis de 60 técnicos e enxeñeiros cunha alta cualificación en Sistemas e Electrónica de Telecomunicacións.

Deja una respuesta