Xoves 15 de Novembro de 2018

O escultor Jorge Varela expón a súa obra no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”


A mostra, “59 citas para unha escultura ausente”, creada especificamente para este espazo, permanecerá exposta ata o 16 de abril

O escultor Jorge Varela expón a súa obra no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense coa mostra “59 citas para unha escultura ausente”, creada especificamente para este espazo. Estará exposta nestas dependencias ata o vindeiro día 16 de abril. A presentación tivo lugar esta mañá, na que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do Centro Cultural, Francisco González; e o artista.

Rosendo Fernández destacou que o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación é “un lugar de oportunidades para os nosos artistas, como hoxe que acolle a obra deste ourensán cunha mostra conceptual e idiosincrática”. Asemade, Francisco González dixo que esta mostra é “alternativa que invita á reflexión moi ben explicada nos textos que figuran no catálogo desta exposición”.

En “59 citas para unha escultura ausente” Jorge Varela dispón en lousas rectangulares de mármore rosa portugués con gravacións de referencias textuais en torno ao tema da escultura. A maioría contén no seu título a palabra “escultura”, en cada unha delas no idioma orixinario da cita. “A mostra fala do proceso que sofre a escultura a partir dos anos 60, é dicir, como a partir dun momento dado a escultura comeza a enunciarse como un elemento negativo”, dixo o artista.

O catálogo da mostra pretende ser “unha referencia bibliográfica reproducindo cada unha das pezas co seu título e inclúe, ademais, textos dos autores Márcio-André de Sousa Haz e Manolo Figueiras”, explicou o artista.

As lousas están colocadas ao longo de toda a parede da sala do Centro Cultural por orde de creación e en canto á tipografía empregada, “hai dúas, unha tipografía helvética que empreguei nas lápidas traballada de distintas maneiras mentres que, no catálogo, empreguei un único tipo de letra, ideado por un escultor británico, Eric Gill”, explicou Jorge Varela.

Este traballo presenta certa continuidade con proxectos anteriores como “Desprazamentos da lectura”, no que se suscitaban novos modos de ler distintos textos teóricos a partir de procesos alleos a este ámbito desde unha perspectiva irónica. De novo, o desprazamento lingüístico como columna vertebral da obra. A metáfora, a metonimia, a tautoloxía… Este xogo de redundancias derivado dun discurso complexo expresado en mármore tallado.

A inauguración desta mostra terá lugar esta tarde no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, ás 20.15 horas.

Jorge Varela (Allariz, 1971) é artista visual e investigador. Licenciado en Historia pola Universidade de Vigo e Especialista universitario en Arte e Críticas contemporáneas pola Universidade de Santiago. A súa obra viuse ultimamente en Galería Transitoria, Oporto, Galería Santa Fe, Bogotá, Fundación Eugenio Granell, Santiago de Compostela ou no Centro Juan Carlos I de España da Universidade de Nova York.

Deja un comentario