Venres 19 de Outubro de 2018

As obras de recuperación dunha senda fluvial mellorarán o acceso ao río Avia, en Leiro


Deputación de Ourense, CHMS e Concello de Leiro asinaron hoxe un convenio de colaboración para levar a cabo este proxecto, que conta cun orzamento de 310.000 euros, achegado en cooperación polas tres administracións

A Deputación de Ourense, o Ministerio de Agricultura e Pesca , Alimentación e Medio Ambiente –a través da Confederación Hidrográfica Miño –Sil (CHMS)- e o Concello de Leiro asinaron hoxe un convenio de colaboración para o financiamento e execución dunha senda fluvial na marxe dereita do río Avia en Leiro. O acto celebrouse no Salón de Plenos do Concello de Leiro, presidido polo delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e no mesmo participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da CHMS, Francisco Marín, e o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández.

O proxecto consiste na recuperación dun tramo de senda na marxe dereita do río Avia, de 193 metros de lonxitude, que actualmente ten unha pasarela de madeira apoiada en pilas de formigón, cuxa estrutura se atopa en mal estado de conservación. O investimento previsto para esta obra ascende a 310.000 euros, achegados nun 32% polo ministerio -a través da CHMS-; un 20%, pola Deputación de Ourense, e un 48% polo Concello de Leiro.

Manuel Baltar explicou que se trata “dun paso máis na cooperación entre as tres administracións –local, provincial e nacional- para levar a cabo estas actuacións na senda fluvial do río Avia, tan importante no Concello de Leiro dada a calidade natural desta contorna”. Así mesmo, o presidente da Deputación lembrou que Leiro, unha das vilas termais da provincia de Ourense, “contará cun establecemento especializado en viñoterapia, que será un atractivo para o turismo na provincia de Ourense”.
A obra consistirá na demolición da pasarela e en recuperar o paseo fluvial neste tramo da marxe do río, integrándoo na trama urbana de Leiro e eliminando ao mesmo tempo o obstáculo que a actual estrutura supón na canle do río, na liña cos obxectivos do vixente Plan Hidrolóxico da parte española da Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil e da Directiva Marco da Auga.
A primeira actuación consistirá na desmontaxe dos elementos de madeira que constitúen a actual pasarela, así como do seu mobiliario e instalacións, para proceder á demolición dos elementos de formigón armado que integran a súa estrutura e sobresaen sobre a rasante do terreo ou do fondo do río. Posteriormente executarase o novo tramo de paseo que se adaptará e integrará co terreo e topografía existentes e o seu ancho será variable, coa intención de integralo no núcleo urbano de Leiro.
Ao final do tramo, a senda apoiarase nunha explanada empedrada contigua a un muíño restaurado, coa intención de poñer en valor e mellor uso esta edificación que na actualidade se destina a punto de información e conexión a Internet. Así mesmo, construirase unha escaleira metálica para permitir o acceso ao muíño, situado nun nivel superior respecto do sendeiro. Os accesos norte e sur desde o pobo de Leiro a este novo tramo de paseo fluvial serán acondicionados cos mesmos materiais que o resto do itinerario, alcanzando o tramo de actuación unha lonxitude total duns 210 metros. O prazo estimado para a execución da obra é de dous meses.

Deja un comentario