Mércores 21 de Agosto de 2019

Turismo natural e sector forestal na provincia, temas de colaboración entre a Deputación de Ourense e o Grupo «Colmeiro»


 

Manuel Baltar e o economista Luis Caramés, coordinador deste grupo de análise e debate, asinaron un convenio que posibilitará a realización de estudos e actividades de formación e divulgación

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o economista Luis Caramés, coordinador do Grupo «Colmeiro», asinaron no Pazo Provincial un convenio de colaboración entre a institución provincial e este grupo de análise e debate que posibilitará a realización de estudos e actividades formativas e divulgativas. As primeiras liñas de colaboración céntranse en temas de turismo en medio ambiente, en concreto na organización dun workshop sobre turismo natural e sostible, e en explorar o potencial competitivo do sector da madeira, eventos que reuniran en Ourense a especialistas nestas temáticas.Manuel Baltar dixo que é importante «afondar en estudos relativos a ámbitos de grande relevancia na provincia de Ourense, neste caso, o do turismo de natureza e o medioambiental, porque investigar, debater e achegar propostas axúdanos como institución e como sociedade a avanzar cara a iniciativas innovadoras que aporten competitividade á nosa economía».O presidente do goberno provincial destacou a relevancia do labor que realiza o Grupo Colmeiro, «que conta co destacados especialistas en materias como demografía, emprego, enerxía, medio ambiente ou innovación, que enriquecen un espazo de debate desde o rigor e a pluralidade». O Grupo Colmeiro dirixe, asemade, a súa atención a áreas como a organización territorial, os mercados e a competitividade, a modernización dos sectores produtivos e as políticas públicas.Manuel Baltar avanzou que este e un «primeiro paso na colaboración entre a Deputación e este grupo de debate, que poderá ampliarse no futuro a temas relativos á demografía, o despoboamento e a calidade dos servizos públicos municipais».

Deja un comentario