Venres 19 de Outubro de 2018

A Deputación aproba a realización dun Plan de turismo cultural e creativo para a provincia de Ourense


Na sesión plenaria de febreiro tamén se aprobaron definitivamente o Plan de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial 2017, e o orzamento do Consorcio provincial de Ourense para o servizo contra incendios e de salvamento para 2017

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou na sesión plenaria correspondente ao mes de febreiro, celebrada no Pazo Provincial, a elaboración dun Plan de turismo cultural e creativo da provincia de Ourense; poñer en valor os dez puntos da provincia de excepcional valor turístico, e elaborar un plan de emprego que oferte unha atención especial a visitantes para eses dez puntos concretos tendo en conta aos titulados da Facultade de Empresariais e Turismo do Campus de Ourense.
O pleno da corporación provincial tamén aprobou definitivamente o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017, sendo a primeira vez que se aproba este programa con tanta antelación, froito da aprobación dos orzamentos para este ano no mes de setembro de 2016. Asemade, na sesión plenaria aprobouse a resolución de reclamacións e a aprobación definitiva do orzamento do Consorcio provincial de Ourense para o servizo contra incendios e de salvamento para o 2017, por importe de 3.806.000 euros.
A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes:

EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS N.º 1/2017 DO ORZAMENTO DO INRODE

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente a modificación de créditos n.º 1/2017 do orzamento do INORDE, para o exercicio 2017, modificando a base quinta no que se refire á partida especificada para as subvencións a concellos, que sería na 462.01 en vez de na 489.06; e na especificación da dotación orzamentaria e beneficiario das subvencións nominativas segundo o cadro seguinte:
A Asociacións sen ánimo de lucro (42211/489.06):

Beneficiario Finalidade Importe
Asociación Jóvenes Empresarios Ourense Gastos e actividades da asociación ano 2017
15.000,00 €
Asociación Empresarios de Maceda Gastos correntes e de investimento para funcionamento da asociación anos 2016 e 2017

40.000,00 €
Asociación Empresarios de Verín Gastos de funcionamento 2017
15.000,00 €
Área Industrial Carballiño (AICA) Gastos de funcionamento 2017
12.000,00 €
Total: 82.000,00 €

A Concellos (42211/462.01):
Beneficiario Finalidade Importe
Concello de Beariz Redacción dos plans especiais: Parque Empresarial e Cemiterio. 20.000,00 €
Total: 20.000,00 €

2º.- De acordo co artigo 169 da Lei reguladora das facendas locais, por remisión do artigo 177.2 do mesmo texto legal, o expediente será exposto ao público tralo anuncio no BOP, por quince (15) días, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno. O expediente considerarase definitivamente aprobado, se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN DO EXERCICIO DAS COMPETENCIAS DO CONCELLO DE AVIÓN EN MATERIA DE XESTIÓN TRIBUTARIA E RECADACIÓN DAS TAXAS DE SUBMINISTRACIÓN DE AUGA E SANEAMENTO ASÍ COMO DO CANON DA AUGA DA XUNTA DE GALICIA

Acordo:

Aceptar a delegación nesta Deputación Provincial das facultades que o Concello de Avión ten atribuídas en materia de xestión tributaria e recadación das taxas de subministración de auga e saneamento así como do canon da auga da Xunta de Galicia, así como das actuacións pendentes dos últimos catro anos e non prescritas, ao abeiro do establecido no artigo 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e artigo 7 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, co alcance, contido, condicións e vixencia que se establecen no acordo do Pleno do dito concello do día 23 de decembro de 2016. A dita delegación rexerase polas condicións xerais establecidas pola Deputación Provincial para a delegación de competencias nesta materia.

RESOLUCIÓN DE RECLAMACIÓNS E APROBACIÓN DEFINITIVA DO ORZAMENTO PAR AO EXERCICIO 2017 DO CONSORCIO PROVINCIAL DE OURENSE PARA O SERVIZO CONTRA INCENDIOS E DE SALVAMENTO

Acordo:

1º.- Desestimar a reclamación contra o acordo de aprobación inicial do orzamento 2017 do Consorcio.
2º.- Aprobar definitivamente o orzamento do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo Contra Incendios e de Salvamento para o exercicio 2017, conforme co proxecto aprobado polo pleno do Consorcio o 13 de decembro de 2016, por importe de 3.806.000 €.
3º.- Publicar no BOP, resumido por capítulos, o orzamento do Consorcio obxecto de aprobación.

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A DEPUTACIÓN DE OURENSE, A CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA DO MIÑO-SIL E O CONCELLO DA VEIGA PARA O FINANCIAMENTO, EXECUCIÓN E ENTREGA, DAS OBRAS DO PROXECTO ACONDICIONAMENTO, PROTECCIÓN E MELLORA DA CONECTIVIDADE DAS MARXES DO RÍO XARES AO SEU PASO POLOS NÚCLEOS DE XARES, PONTE E BAÑOS

Acordo:
1º. Aprobar o convenio de colaboración entre a C.H. do Miño-Sil, a Deputación de Ourense e o Concello da Veiga para o financiamento, execución e entrega, para o seu mantemento e conservación, das obras do proxecto acondicionamento, protección e mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños.
O presente convenio ten por obxecto determinar as condicións que rexerán o financiamento, redacción do proxecto, posta a disposición dos terreos, execución e posterior entrega para o mantemento e conservación das obras e instalacións que se contemplan no proxecto titulado “Proxecto de acondicionamento, protección e mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños na Veiga (Ourense)”

O obxectivo da actuación recollerase no “Proxecto de acondicionamento, protección e mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponche e Baños na Veiga (Ourense)”, que será redactado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e consistirá no acondicionamento das marxes do río e a execución de proteccións puntuais nelas, nas zonas máis afectadas pola erosión en tres tramos de río, ao seu paso por cada un dos núcleos de poboación anteriormente citados.

Así mesmo, é obxectivo desta actuación a integración e mellora da conectividade entre as marxes do río Xares mediante varias actuacións nas pontes existentes, valorando a necesidade de acometer novas obras de paso.

Ademais, revisarase o estado de conservación dos noiros que forman as marxes do río Xares e elementos etnográficos asociados a este; actuando para a súa conservación e mantemento.

O investimento total necesario para a actuación estimouse en 400.000 €.

Para afrontar o custo do investimento existe crédito, adecuado e suficiente, de acordo coas anualidades previstas na cláusula quinta na aplicación orzamentaria 23.108.452A60, código de proxecto 2013 23 233 0011 do orzamento de gastos da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

De acordo co anterior, o financiamento da obra realizarase de conformidade coa seguinte fórmula:

– Confederación Hidrográfica do Miño-Sil achegará 200.000 euros do custo inicialmente previsto, o que supón unha porcentaxe do 50% do investimento inicialmente previsto.

– A Deputación Provincial de Ourense achegará 140.000 euros do custo inicialmente previsto, o que supón unha porcentaxe do 35% do investimento inicialmente previsto.

– O Concello da Veiga achegará 60.000 euros do custo inicialmente previsto, o que supón unha porcentaxe do 15% do investimento inicialmente previsto.

O tres partes asumirán, en idéntica porcentaxe (50%-35%-15%) cada un, as variacións económicas, á alza ou á baixa, por modificacións, revisións de prezos, liquidación do contrato, obras complementarias, así como por calquera outra modificación que se aprobe na execución dos contratos de obras ou servizos.

Con cargo ao importe previsto no apartado primeiro, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil afrontará tanto o custo do proxecto, como da obra, dirección e vixilancia dela, ademais dos gastos correspondentes ás medidas de seguridade e saúde. Os valores estimados para cada un destes conceptos son:

– Asistencia técnica para a redacción do proxecto estímase en 40.000 euros, Imposto do Valor Engadido incluído.
– Contrato de obras, incluíndo medidas de seguridade e saúde: 335.000 euros, Imposto do Valor Engadido incluído.
– Asistencia técnica para a dirección das obras, incluíndo coordinación de seguridade e saúde delas: estímase en 25.000 euros, Imposto do Valor Engadido incluído.
PROGRAMACIÓN INICIAL DAS ANUALIDADES PREVISTAS
TOTAL C.H. MIÑO-SIL (50%) DEPUTACIÓN DE OURENSE (35%)
CONCELLO DA VEIGA (15%)
2017 200.000,00 € 100.000,00 € 70.000,00 €
30.000,00 €
2018 200.000,00 € 100.000,00 € 70.000,00 €
30.000,00 €
SUMA 400.000,00 € 200.000,00 € 140.000,00 €
60.000 €

2º. Ao tratarse dun gasto plurianual, comprometerse ao cumprimento do réxime financeiro proposto, co compromiso de incluír no orzamento xeral desta Deputación para o exercicio de 2018 a cantidade correspondente para asumir as anualidades do gasto indicadas.

DANOS CAUSADOS POLOS TEMPORAIS E AS RESPONSABILIDADES DAS COMPAÑÍAS ELÉCTRICAS SUBMINISTRADORAS

Acordo:

1º.- Instar ao Goberno galego a:
a) Facer unha avaliación urxente e un estudo dos danos producidos polos temporais de 2017 nas infraestruturas e servizos de titularidade pública e privada: infraestruturas e equipamentos públicos, mobiliario, equipamento e bens dos fogares; infraestruturas e bens do sector primario (agrario, gandeiro, forestal, marisqueiro, pesqueiro, acuícola …), actividade industrial e sector servizos.
b) Aprobar axudas para os concellos, fogares e empresas que sufriron perdas como consecuencia dos temporais.
c) Esixirlles responsabilidades e estabelecer medidas sancionadoras ás empresas titulares das infraestruturas polo mal estado delas ás prestadoras de servizos de subministración eléctrica polo tardío e deficiente operativo de resposta para minimizar os efectos dos cortes do servizo.
d) Obrigarlles ás empresas subministradoras de enerxía a efectuar unha auditoría da situación das liñas eléctricas en Galicia, presentar un plan para corrixir as deficiencias urxentes e unha programación para acometer os investimentos precisos de forma continuada que garantan unha axeitada conservación da infraestrutura eléctrica.
2º.- Instar ao Goberno provincial a:
a) Prestarlles apoio e asesoramento aos concellos e á veciñanza afectada a través dos servizos provinciais, co fin de axudar na presentación de reclamacións ou solicitudes de axudas, así como efectuar o seguimento na súa tramitación, para compensar os danos e perdas sufridos con ocasión do temporal.

SOBRE A SUPRESIÓN DA VENDA FÍSICA DE BILLETES NAS ESTACIÓNS DE TREN DA PROVINCIA

Acordo:

A Deputación de Ourense insta ao Ministerio de Fomento a deixar sen efecto a decisión de RENFE e ADIF de pechar o servizo de venda de billetes e atención ao viaxeiro en diversas estacións de Ourense.

SOBRE A SUPERACIÓN DA FENDA DIXITAL NA PROVINCIA DE OURENSE

Acordo:
1. Instar ao Goberno da Nación, en concreto ao Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a que obrigue aos operadores que resultaron adxudicatarios de bloques de frecuencias na banda de 800 Mhz a completar conxuntamente –e antes do 1 de xaneiro de 2020- unha cobertura que permita, como mínimo, ao 90% dos residentes en poboacións de menos de 5.000 habitantes, ter acceso a unha velocidade de 30 megabits por segundo.

2. Que a Deputación, a través dos concellos, elabore un censo daqueles núcleos que teñen dificultades para recibir cobertura móbil e de Internet e desenvolva un plan de implantación tecnolóxica que, mediante convenios de cooperación cos concellos, poña en marcha puntos públicos de acceso a internet para o traballo de PEMES e emprendedores do rural como gandeiros, cooperativas, produtos ecolóxicos ou venda en liña de produtos de excelencia, entre outros.

3. Solicitar a actuación conxunta e coordinada da Xunta de Galicia e do Goberno de España no despregue de redes de acceso de nova xeración (RNA), de moi alta velocidade (100Mbps), empregando para elo os fondos europeos dos que dispoñen ámbalas dúas administracións para tal cometido, prestando especial atención ás zonas industriais de fóra da área metropolitana de Ourense.

SOBRE A PRAGA DA PATACA GUATEMALTECA E A SÚA INCIDENCIA NAS COMARCAS DO PAÍS

Acordo:

1. Instar á Xunta para que adopte un plan específico para o control efectivo da praga, que conte coa dotación dos medios materiais e económicos que sexa preciso para a súa erradicación.
2. Esixir ó Goberno de España a publicación urxente do Decreto que regula as medidas a adoptar o control e eliminación da praga da polilla guatemalteca “Tecia solanivora, comunmente Couza”.
3. Esixir á Xunta de Galicia para que de forma urxente tome medidas que eviten a propagación desa praga na comarca da Limia e no resto da provincia de Ourense.
4. Que a Deputación Provincial, a través do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro (Instituto do Campo) realice as tarefas de análise e asesoramento técnico.
5. Solicitar de tódalas administracións con competencias unha campaña de información a tódolos sectores implicados.

PLAN DE TURISMO CULTURAL E CREATIVO DA PROVINCIA DE OURENSE

Acordo:

1º.- Elaborar un Plan de Turismo Cultural e Creativo da Provincia de Ourense.
2º.- Poñer en valor os dez puntos da provincia de excepcional valor turístico.
3º.- Elaborar Un plan de emprego que oferte unha atención especial a visitantes para eses dez puntos concretos, tendo en conta aos titulados da Facultade de Empresariais e Turismo do Campus de Ourense.

APROBACIÓN DEFINITIVA DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL DO EXERCICIO 2017

Acordo:

Aprobar definitivamente o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017 segundo o documento inicialmente aprobado na sesión ordinaria de 27 de xaneiro de 2017, coa seguinte modificación: Incorporar ó plan polo concello de Cortegada a obra “Entronque con estrada OU-801”, cun orzamento de 55.000,00 euros, en substitución da obra “Instalación de céspede artificial”, cun orzamento de 250.000,00 euros, co número 32/POS/2017.

Deja un comentario