Martes 20 de Novembro de 2018

Ourense en Común pedirá no pleno actividades de lecer infantil adaptadas á diversidade


Actualmente o Concello non dispón de ningunha oferta integradora para nenos e nenas con diversidade

Ourense en Común rexistraba esta mañá unha moción para o pleno ordinario do mes de marzo, coa que instará ao goberno a realizar actividades de lecer adaptadas á diversidade, e para que, contando coa participación das familias no deseño da proposta, o Concello constrúa unha ferramenta conciliadora e de respiro familiar nas datas non lectivas.
Con esta moción, o grupo traslada ao pleno unha demanda das nais e pais do colexio “Miño” de Velle, que ante a falta de oferta de lecer no Concello para os seus fillos e fillas, teñen xa feito un completo estudo de necesidades, incluíndo un orzamento e as características que se precisarían. “Seguro que o goberno municipal pode contar con estas familias para asesorarse e ser axudado a facer o mellor proxecto posible”, apuntaba esta mañá Ledicia Piñeiro.
A concelleira expoñía que “en OUeC apostamos por unha oferta integradora e colectiva, non tanto unha oferta específica nin segregada para estes nenos e nenas; a educación en valores debe primar a aceptación das diferenzas, para que todas convivamos coa diversidade desde a normalidade. A inclusión enriquece non só ás persoas con algunha necesidade especial, senón tamén ao resto de participantes, que aprenden a vivir nunha sociedade heteroxénea desde o respecto”.
Convidando á reflexión sobre a importancia do lecer para o desenvolvemento persoal, social e económico, e considerándoo como un dereito humano básico para fomentar o benestar e unha boa saúde xeral, Ourense en Común confía en contar co apoio unánime da corporación para a aprobación desta iniciativa plenaria, comprometendo ao Concello a cubrir a carencia de actividades de lecer dirixidas e adaptadas á diversidade, que a día de hoxe é inexistente; serían precisos recursos especializados para garantir o éxito do programa, que debera dotarse de persoal cualificado e un número de monitoras capaz de ofrecer unha atención personalizada, que facilite aos nenos e nenas con necesidades especiais integrarse no conxunto con total normalidade para a súa participación nas actividades.

Deja un comentario