Sábado 26 de Setembro de 2020

Ourense en Común insta ao PP a que “deixe de xogar” co urbanismo deste Concello


A Lei de acompañamento da Xunta, aprobada en exclusiva polo Partido Popular, non vai garantir novos desastres urbanísticos no Concello de Ourense nos próximos anos

Ourense en Común mostraba esta mañá a súa preocupación tras coñecer na Xunta de Área de Urbanismo que o goberno de Ourense pretende acollerse á Lei de acompañamento da Xunta, para solventar o PERI das Burgas e a “máis que posible” caída da Ordenación provisional.
O equipo de goberno evidencia que o PXOM non está no seu horizonte, e pretende acollerse a esta Lei, aprobada en exclusiva polo Partido Popular no Parlamento de Galicia co fin de «revivir mortos urbanísticos», como así o apuntan todos os xuristas e técnicos especializados nesta materia consultados por OUeC.
Martiño X. Vázquez manifestaba a preocupación do grupo xa que “volver a ordenacións provisionais e crear outras novas en base a esta lei, non garante que nos próximos anos non acontezan novamente estes episodios, e atopemos sentenzas en contra”.
Ourense en Común facía hoxe a mesma valoración que a pasada semana, cando se coñecía a sentenza do TSXG, responsabilizando “a situación de caos urbanístico no noso concello durante décadas vén derivada da política especulativa do Partido Popular desde o PXOM de 2003, que lembremos foi tumbado pola xustiza por un cambiazo do mesmo señor que hoxe é responsable da Concellería de Urbanismo”.
Martiño X. Vázquez instaba así ao goberno a «deixar de xogar”, relatando que “o PP tiña enriba da mesa un PXOM aprobado inicialmente, con 5.000 alegacións, cun equipo redactor valorando esas alegacións, tiñan os informes sectoriais aprobados e todo o preciso para a aprobación dun Plan Xeral de Ordenación Municipal, pero o que aconteceu é que o PP chegou e introduciu no texto aprobado inicialmente, 100 modificacións que en moitos casos nin sequera foran tramitadas polo curso establecido, facendo novamente política especulativa co urbanismo de Ourense”.
“Que deixen de especular co PXOM e que aprobemos dunha vez un plan xeral de ordenación para Ourense, serio, e que garanta unha estabilidade urbanística para as próximas décadas, porque se non estaremos novamente nos próximos anos con sentenzas desfavorables”.

Deja una respuesta