Venres 14 de Agosto de 2020

Ourense en Común denuncia que 1 de cada 10 euros das arcas municipais foron gastados de xeito irregular o ano pasado


10 millóns de euros en facturas foron reparados polo servizo responsable da fiscalización da contabilidade do Concello
Ourense en Común denunciaba esta mañá en rolda de prensa o gasto irregular de 1 de cada 10 euros do Concello de Ourense durante o último ano de goberno de Jesús Vázquez.
Martiño X. Vázquez reflexionaba que “poderíamos exemplificalo con facturas do transporte público, da ORA, dos semáforos e outros tantos, pero quixemos escoller como símbolo o servizo de préstamo de bicicletas, adxudicado en baixa temeraria a unha empresa en situación de ilegalidade, pois un dos seus administradores é funcionario municipal, razón que o imposibilita por lei a participar en concursos públicos”.
Ourense en Común, que xa denunciara a baixa temeraria desta concesión hai un ano, desvelaba hoxe que “pese a ser requirida a rescisión do contrato hai máis de 8 meses polo servizo de fiscalización municipal, o goberno de Jesús Vázquez continúa destinando o diñeiro de todas as ourensás a seguir pagando facturas, por un servizo deficiente, a unha empresa e a un funcionario que debera ter sido sancionado pola gravidade de compatibilizar a súa actividade pública con outras actividades empresariais sen autorización, como esixe a lei.”
O servizo de préstamo de bicicletas, posto en marcha no ano 2007 caeu en cifras de uso e a flota de bicis está a día de hoxe reducida a 35 ciclos, “nunhas condicións deficientes para garantir a seguridade vial e do usuario”.
Martiño X. Vázquez concluía que “ilegalidades, retrasos, clientelismo, e precariedade son os adxectivos que mellor describen a forma de gobernar de Jesús Vázquez. Estamos perante un equipo de goberno que, en 2016, gastou 10 millóns de euros de forma irregular, contrariamente aos informes do servizo de intervención, responsable de fiscalizar a contabilidade das arcas municipais”.

Deja una respuesta