Venres 19 de Xullo de 2019

Ourense en Común pide ao alcalde certezas sobre o corredor liberado


Ourense en Común advirte do risco de aceptar actuacións provisionais na vía actual

Tras a primeira sesión da Comisión Municipal de impulso e seguimento do proxecto da integración urbana do AVE en Ourense, Ourense en Común insistía esta mañá recriminando ao alcalde «a falta de datos e certezas, e a opacidade coa que o Partido Popular está a xestionar os anteproxectos, proxectos ou propostas nas que estean a traballar, que aínda a día de hoxe continuan a ser descoñecidos aos ollos desta comisión».
O alcalde, centrado en exclusiva na estación intermodal, evidenciou que non hai certezas e que existen dous ritmos, o do ministerio, que ata xuño non terá un proxecto definitivo, e o ritmo inminente que impón a Xunta, para a execución de estación de autobuses e parking.
Ourense en Común defendeu na comisión que “a intermodalidade debera ser unha actuación integral de todo o conxunto”, contando nesta visión co respaldo da maioría das asistentes, que no caso do Colexio de Arquitectos incluso manifestaron ao alcalde a súa disposición para botarlle unha man co traballo.
Na xuntanza, o alcalde mantivo un silencio absoluto no tocante á variante exterior, en contraposición ao 90% da mesa, que rexeita medidas provisionais ao corredor liberado, e esixe a Jesús Vázquez que se empece a traballar xa na licitación da variante, instalando un intercambiador en Taboadela para modificar o ancho de vía e que permita que a alta velocidade chegue a Ourense con garantías de seguridade e liberando o corredor tradicional. “Namentres non esteamos falando do uso do corredor liberado, existe enriba da mesa un risco de que a variante nunca sexa unha realidade. Ata ese momento non haberá máis que boas palabras e vontades, e se aceptamos agora actuacións provisionais na vía actual, nuns anos volveremos a estar loitando polos 600.000€ para a execución real da variante”.
Os membros da mesa concordaron na necesidade de transparencia e de que a comunicación sexa máis fluída para poder analizar, desde un punto de vista local, o impacto que esta infraestrutura vai ter no noso Concello, máis alá de pensar únicamente na oportunidade estratéxica da Alta Velocidade Coruña-Madrid. “As persoas que teñen responsabilidades de goberno, neste caso o alcalde, ten que conquerir certezas: orzamentos e prazos, e polo momento non temos máis que palabras».
Ourense en Común lanzou tamén unha reflexión sobre a composición desta mesa de seguimento, composta por quince homes, maioritariamente de idade superior aos 50 anos, “este é o perfil da xente que goberna a nosa cidade, non se escoita a voz da muller, da xuventude e de moitos outros colectivos que xa solicitamos que formasen parte desta comisión, xa que poderían enriquecer a reflexión sobre o impacto que vai ter esta integración no noso Concello”.

Deja un comentario