Sábado 21 de Setembro de 2019

Ourense en Común denuncia a fugacidade no proceso selectivo de dúas educadoras


Só unha persoa concorreu á convocatoria, quedando previsiblemente vacante a outra praza

Ourense en Común denunciaba esta mañá a improvisación e apresuramento co que o equipo de goberno xestionou nestes días o proceso selectivo para o nomeamento interino de dúas Educadores/as de Familia, que deixará a convocatoria incompleta.
Con data de rexistro do 1 de febreiro e con carácter urxente, o Concello aprobaba as bases para a selección de dúas educadoras, co fin de prestar servizo na Concellería de Benestar Social, ao abeiro dunha subvención da Xunta de Galicia.
Para participar no proceso, as candidatas tiveron únicamente 3 días para presentar as solicitudes, un prazo que para Ourense en Común, é “totalmente insuficiente e que invalida os principios xurídicos de igualdade, mérito e capacidade”. Igualmente, as bases recollían prazos ridículos, dun só día, para facer reclamacións e para presentar a documentación no caso de ser a candidata seleccionada.
O listado provisional coas persoas admitidas, pendurado esta mañá no taboleiro do Concello, pero aínda non na web municipal, revela que só unha persoa concorreu a esta convocatoria.
Ledicia Piñeiro analizaba esta mañá esta situación como “un desastre tendo en conta a tremenda necesidade de educadoras que tén este Concello debido a baixas e xubilacións. Tal e como se falou en Xunta de área, o interesante neste proceso, era que tamén quedara a posteriori unha lista de interinidade, que a día de hoxe non existe, para poder botar man dela e cubrir baixas cando se precise”.
Para Ourense en Común, esta situación responde a “un total despropósito cos tempos por parte deste goberno, que novamente ten que colgar a etiqueta de ‘deserto’ á súa xestión”, xa que a concellería tiña coñecemento da posibilidade de contratar dúas educadoras desde finais de decembro.

Deja un comentario