Venres 19 de Xullo de 2019

A Xunta destina 700.000 euros a mellorar as infraestruturas do polígono ourensán O Vinteún para que gañe en competitividade


A Consellería de Economía, Emprego e Industria firmará un convenio de colaboración co Concello de Ourense para executar obras de pavimentación, redes de abastecemento de auga e gas, e para instalar subministración de saneamento, iluminación exterior, telecomunicacións e sinalización

A Xunta autorizou á Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a sinatura dun convenio de colaboración co concello de Ourense para desenvolver un plan integral que permita modernizar as infraestruturas do parque empresarial O Vinteún, nas Coiñás. A Administración autonómica financiará con 700.000 euros a execución deste proxecto que contribuirá a impulsar a competitividade do polígono, ademais de mellorar a seguridade tanto dos 500 traballadores das 21 empresas afincadas actualmente na zona como das persoas que visitan este equipamento industrial.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria desenvolveu nos últimos meses do ano pasado un protocolo de colaboración co concello ourensán que se materializará en próximas datas coa rúbrica deste convenio, que fixa que todas as obras deberán estar finalizadas en decembro deste mesmo ano. En concreto, a achega económica da Xunta servirá para executar traballos de pavimentación; colocación de redes de abastecemento de auga e gas; instalación de redes de saneamento, iluminación exterior e telecomunicacións; e de sinalización tanto vertical como horizontal.

Con estas actuacións, o obxectivo é modernizar as infraestruturas do polígono O Vinteún, un referente industrial tanto da cidade de Ourense e a súa contorna como da provincia en xeral. Este tipo de actuacións contribúen a que as empresas xa instaladas no parque teñan máis posibilidades de seguir medrando e a fomentar a creación de novas compañías e a captación de investimentos, ao tempo que facilitan o emprendemento ao poñer á disposición das firmas interesadas equipamentos máis modernos e adaptados as súas necesidades.

A sinatura deste convenio súmase a outras iniciativas desenvolvidas pola Xunta para impulsar os polígonos industriais. É o caso das axudas que todos os anos convoca a Dirección Xeral de Enerxía e Minas para habilitar e mellorar as infraestruturas dos parques empresariais galegos. A través desta iniciativa, durante os últimos catro anos leváronse a cabo 244 actuacións, para as que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou 16,2 millóns de euros. No caso concreto da provincia de Ourense, a Xunta axudou con preto de 4 millóns de euros para realizar 55 obras en 20 polígonos industriais durante a pasada lexislatura.

As actuacións de promoción da actividade empresarial por parte da Xunta, unido á consolidación á consolidación da recuperación económica en Galicia, teñen permitido a creación de preto de 4.600 empresas ao longo de 2016 -ao redor de 13 firmas cada día-, o que supón un 16 % máis de firmas constituídas con respecto a 2015. Esta porcentaxe elévase ata o 16,75 % na provincia de Ourense, onde se crearon 460 compañías durante o ano pasado.

Deja un comentario