Domingo 23 de Setembro de 2018

A Xunta destaca que a lousa é un sector estratéxico para galicia e que exporta o 95% da súa produción


O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou hoxe, no municipio ourensán de Carballeda de Valdeorras, a canteira e a fábrica de Pizarras Vazfer, onde sinalou a posición de referencia que ten a comunidade galega a nivel estatal ao representar o 60% das exportacións
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou hoxe no municipio ourensán de Carballeda de Valdeorras a canteira e a fábrica da empresa Pizarras Vazfer. Destacou que se trata dun sector estratéxico tanto para Galicia como para a provincia de Ourense, ao tempo que indicou que a calidade da lousa e o carácter emprendedor da súa industria contribúen a que a comunidade galega exporte o 95% da súa produción, situando Galicia nunha posición de referencia a nivel estatal, pois representa o 60% da exportacións.

“En 2015, o sector da lousa exportou 280.000 toneladas por un valor de 150 millóns de euros. Nos once primeiros meses de 2016, as exportacións incrementáronse nun 1,1% con respecto ao mesmo período de 2015, sendo o volume total de 271.000 toneladas, mentres que o seu valor medrou nun 1,3%, con 145 millóns de euros”, sinalou Bernardo Tahoces.

O director xeral de Enerxía e Minas avanzou durante a visita a Pizarras Vazfer que a Xunta porá en marcha este ano unha nova convocatoria do Plan Renove de Lousa, tras dedicar 1,64 millóns de euros en 2016 a este programa que permitiu apoiar 280 proxectos presentados en Galicia por familias e comunidades de propietarios interesadas en renovar cubertas e fachadas de edificios de vivendas. No caso concreto de Ourense, a Consellería de Economía, Emprego e Industria subvencionou 54 iniciativas por un importe global de preto de 275.000 euros.

Bernardo Tahoces lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén traballa na promoción da lousa galega da man do Clúster da Pizarra de Galicia e do Centro Tecnolóxico da Lousa. Cun orzamento de 145.000 euros para esta colaboración, a Xunta contribúe así a que as empresas galegas sigan a ser competitivas e manteñan a súa posición de liderado. “O obxectivo é preparar o modelo de restauración dunha canteira a ceo aberto para que sexa un referente de como se deben acometer este tipo de obras”, concluíu.

Deja un comentario