Luns 25 de Xuño de 2018

Castrelo de Miño e Ribadavia acollen esta fin de semana os Campionatos de España de Remo


Os campionatos estatais presentáronse en Ourense e confórmano o Campionato de Trial de Inverno, en Castrelo, e o de Remoergómetro, en Ribadavia

Tivo lugar a presentación dos Campionatos de España de Remo no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense que se celebrará esta fin de semana en Ribadavia e en Castrelo de Miño e que comprenderá os campionatos nacionais de Remoergómetro e Fondo Trial de Inverno. Ao acto acudiron os alcaldes de Castrelo de Miño e Ribadavia, Xurxo Rodríguez e Ignacio González, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas.

En rolda de prensa, o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, agradeceu a colaboración tanto do Concello de Ribadavia como da Federación Galega de Remo, esperando que este tipo de acontecementos deportivos síganse desenvolvendo. Neste sentido, considerou positiva a recuperación deste tipo de colaboracións que aproveiten, ademais, as instalacións das que dispoñen os municipios, especialmente o de Castrelo de Miño en canto ao deporte acuático se refire.

Rodríguez tamén quixo facer fincapé en como este tipo de competicións inciden na economía da zona, sinalando que os hostaleiros do Ribeiro mostraran o seu agradecemento pola celebración destes campionatos na comarca que xa provocaran que para este fin de semana todas as prazas hostaleiras estivesen ocupadas.

Por último, quixo lembrar ás institucións a importancia que Castrelo de Miño, a súa contorna e as súas instalacións teñen para albergar celebracións deportivas como estas. “Temos unha das tres pistas de remo de todo o Estado, polo que deberiamos apostar decididamente por seguir organizando campionatos”, asegurou tras animar a todo o mundo a asistir.

Dous campionatos nacionais no Ribeiro.

O campionato é organizado pola Federación Española de Remo e pola Federación Galega coa colaboración dos concellos implicados. O sábado 28 terá lugar no Polideportivo Municipal “O Consello” de Ribadavia o XVI Campionato de España de Remoergómetro a partir das 9 da mañá, desenvolvéndose de modo continuado ata a súa finalización. Con cerca de 500 participantes (tanto no campionato de Ribadavia como no de Castrelo) e 14 remoergómetros os participantes disputaranse as medallas de Ouro, Prata e Bronce en cada categoría (Remo adaptado, veteranos, cadete, xuvenil, sub23, peso lixeiro e absoluto). As distancias variarán dependendo da categoría, comprendendo 1.000, 1.500 e 2.000 metros.

Ao día seguinte, ás 9 da mañá comezará no Parque Náutico de Castrelo de Miño o VII Campionato de España de Fondo Trial de Inverno. A través de tres saídas con intervalos dun minuto as tres categorías (cadete, xuvenil e alevín) os participantes disputaranse as medallas de Ouro, Prata e Bronce nunha distancia de 5.500 metros.

Previamente aos dous campionatos, o venres 27 nas instalacións do Parque Náutico de Castrelo de Miño terá lugar a reunión de delegados. Será no propio Parque Náutico, concretamente no Albergue Municipal de Castrelo, onde parte dos participantes dos campionatos alóxanse ocupando todas as prazas.

As competicións estarán asistidas por unha ambulancia e persoal de primeiros auxilios ante calquera eventualidade.

Deja un comentario