Venres 19 de Xullo de 2019

O alcalde de Ourense participa nunha reunión de traballo coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, cos alcaldes de Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, Punxín, San Cibrao das Viñas e Toén para participar no proceso de reordenación do transporte público e garantir o servizo para os veciños


 

Jesús Vázquez, recalcou ao remate da reunión “”a importancia de que todos os concellos da área metropolitana se impliquen nun traballo conxunto que aúne as necesidades de todos os concellos e así se satisfagan as demandas dos veciños”

 

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, participou  nunha reunión de traballo en Santiago, na Consellería de

Infraestruturas e Vivenda, no marco dunha invitación da Xunta aos concellos da comarca de Ourense a tomar parte activa no proceso de reordenación do transporte público iniciado polo Goberno galego para, dese xeito, garantir a configuración do mellor mapa de servizos para os seus veciños.

No encontro coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, participaron, ademáis de Jesús Vázquez, os alcaldes de Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, Punxín, San Cibrao das Viñas e Toén co obxectivo de informarlles dos avances que está a realizar o Goberno galego en relación coa mellora do transporte público da comarca.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, recalcou ao remate da reunión “a importancia de que todos os concellos da área metropolitana se impliquen nun traballo conxunto que aúne as necesidades de todos os concellos e así se satisfagan as demandas dos veciños”.

Nese sentido, a conselleira trasladou que o departamento que dirixe está a traballar para coordinar a posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano co proceso en marcha para a reordenación das liñas de transporte interurbano que prestan servizo nestes municipios e que se aplicará este mesmo ano.

Segundo explicou Ethel Vázquez, o obxectivo desa reordenación é garantir que os cidadáns, especialmente os do rural, teñan acceso a un servizo de autobús máis útil e atractivo, polo que a previsión do Goberno galego é facer posible que o autobús urbano preste servizo nos concellos limítrofes cando estea xustificado por razóns de demanda.

A conselleira avanzoulles, ademais, que esta mesma semana terán lugar diversas reunións cos concellos nas que os técnicos do seu departamento explicarán aos representantes municipais os detalles do proceso de reordenación do transporte e as fórmulas para a súa participación.

Tal e como se puxo de manifesto no encontro, o obxectivo do Goberno galego é que cada concello poida expoñer en detalle cal é a súa situación en relación co transporte público, as demandas e prioridades dos veciños nesta materia para, a partir de aí, establecer o xeito máis eficaz e eficiente de prestar ese servizo.

Deja un comentario