Sábado 21 de Maio de 2022

A Concellería de Sanidade anima a mocidade a reflexionar sobre o consumo de alcohol a través dun concurso de ideas


Premiará os mellores lemas, accións, microrrelatos e curtametraxes no certame “Desmonta o alcohol, apúntate unha idea”
A Concellería de Sanidade do Concello de Ourense convida a mocidade ourensá a reflexionar sobre a problemática do abuso do consumo de alcol a través dun concurso de ideas: “Desmonta o alcohol. Apúntate unha idea. Con liberdade para pensar 2017”. Esta é a cuarta edición do certame, que está dirixido a estudantes da ESO do Concello de Ourense. Poderán concursar individualmente ou en parellas, coa posibilidade de participar nunha ou en varias categorías, cun único desenvolvemento creativo.

O tema das propostas deberá estar relacionado con: “O poder de ser ti mesmo (sen alcohol)”. As categorías son catro:
• Un lema en galego ou castelán con cinco palabras como máximo para resumir a idea
• Unha acción en galego ou castelán para difundir a idea.
• Un microrrelato en galego ou castelán cunha extensión máxima de 150 palabras.
• Unha curtametraxe de non máis de 1 minuto para gravar a idea

As ideas entregaránselles antes do 31 de marzo aos titores dos centros educativos ou nas oficinas da Concellería de Sanidade, na rúa Vasco da Ponte, número 1. O xurado será nomeado pola Concellería de Sanidade e a súa decisión será inapelable.

Reflexión e crítica ás presións para consumir. O concurso é unha iniciativa coa que o Concello quere fomentar a reflexión e a crítica sobre as presións para consumir alcohol, co fin de reflexionar sobre os beneficios dunha diversión sen as consecuencias do consumo do alcohol e, por outra banda, expresar ideas de prevención de consumo de bebidas alcohólicas creativa e artísticas.

Na última edición (a terceira), celebrada o pasado ano 2016, o concurso acadou a participaron dun total de 361 alumnos e alumnas de 12 centros educativos. Foron máis as mozas (198) ca os mozos (136) e a idade media foi 13,5 anos. Houbo en total 303 concursantes de xeito individual e 29 grupos. Presentáronse un total de 584 traballos: A modalidade que contou coa maior participación, co 42,29% das recibidas, foi a de lema, xa que se recabaron 247 propostas, seguida das imaxes, 203, os microrrelatos, que foron 132 e as clipmetraxes (2).

Deja una respuesta