Mércores 12 de Decembro de 2018

Díaz Mouteira analiza cos alcaldes de Cualedro e Oímbra os traballos de recuperación de zonas afectadas por incendios


Xunta e Goberno Central colaboran nas actuacións de restauración forestal e medioambiental destas áreas, centrados no tratamento da vexetación, o control da erosión e a mellora de infraestruturas danadas
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural, Yago Borrajo Sánchez, mantivo hoxe senllas xuntanzas cos alcaldes dos concellos de Cualedro e Oímbra, Luciano Rivero e Ana Villarino, respectivamente; coa finalidade de analizar en conxunto os traballos que se están a desenvolver nestes municipios para a recuperación das zonas afectadas polos incendios forestais do pasado verán na comarca ourensá de Verín. En ambas as dúas reunións tamén participaron os representantes das comunidades de montes nos que se van a acometer estes labores.

Para a execución destes traballos, o último Consello de Ministros do pasado mes de decembro aprobou unha achega de 400.000 euros, destinados a actuacións de recuperación consistentes en restauración de solos, retirada de madeira queimada, arranxo de pistas ou reparación de infraestruturas.

Estes traballos xa comezaron na parte que corresponde ao concello de Cualedro, en concreto nos montes da Xironda e da Pedrosa, onde xa se realizaron 158 metros lineais de socalcos de pedra, e se estendeu palla de xeito manual en máis de 25 hectáreas.

A maiores, a Xunta traballa en coordinación cos alcaldes e os veciños afectados na procura de fórmulas que permitan poñer de novo en valor os terreos ardidos, para facelos produtivos e previr novos incendios.

Deja un comentario