Domingo 23 de Setembro de 2018

Presentación en Fitur do xeodestino turístico “Manzaneda-Trevinca”


Manuel Baltar destacou desta comarca do oriente ourensán “a sigularidade de unir natureza, deporte, ocio e gastronomía nunha oferta de “ecoturismo experiencial”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou na Feira Internacional de Turismo (Fitur), en Madrid, o xeodestino turístico “Manzaneda-Trevinca”, un espazo natural integrado por municipios das comarcas de Valdeorras e Terra de Trives, que pretende difundir e promocionar as excelencias de natureza, paisaxísticas, etnográficas e culturais desta contorna da provincia de Ourense. No acto de presentación, celebrado no stand de Galicia, participaron tamén a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o xornalista, Pepe Ribagorda.O presidente do goberno provincial destacou que este produto turístico “ofrece un oferta atractiva e de calidade sendo un destino de “ecoturismo experiencial”, para todos os públicos e durante todo o ano”. “Manzaneda-Trevinca –remarcou Manuel Baltar- ofrece multitude de actividades deportivas, gastronómicas, naturais, paisaxísticas, así como un atractivo patrimonio que enaltece a beleza desta zona ourensá”.O presidente da Deputación explicou o importante labor do goberno provincial e do Inorde, colaborando en potenciar turisticamente este territorio da provincia de Ourense, e citou como exemplo o impulso que se lle está a dar á estación de montaña de Cabeza de Manzaneda. Neste sentido, subliñou a importancia do sistema de innivación, “que suporá un antes e un despois para a estación de montaña, pois garantirá, aló menos, 120 días de neve cada ano, nunha infraestrutura deportiva, de ocio e natureza que tamén debe afondar na desestacionalización, pois é un centro turístico e deportivo cun destacado atractivo para visitantes de Galicia, doutras comunidades e tamén do norte de Portugal”, expresou o presidente provincial.Espazos naturaisManzaneda-Trevinca constitúe un dos espazos naturais de maior interese de Galicia, un paraíso para os amantes da botánica, a xeoloxía e a fauna. O Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra conta coa maior concentración de orquídeas de Galicia, con 25 especies, así como mellor conservada agrupación de covas calizas, colonizadas por distintos exemplares de morcegos. Asemade, os visitantes poden gozar das vistas que ofrece a zona nos seus nove miradoiros.Outro dos principais atractivos deste destino é que as zonas altas destas terras son lugares idóneos para a observación nocturna debido aos ceos limpos e a baixa contaminación lumínica, estando neste apartado á cabeza o municipio da Veiga por contar coa acreditación de Destino Turístico Starlight.Asemade, cabe subliñar a oferta gastronómica desta zona porque Valdeorras conta coa súa propia Denominación de Orixe vitivinícola, unha das más antigas de España, na que o godello é a variedade por excelencia. Actualmente son case 40 as adegas que producen unha ampla variedade de viños. A principal peculiaridade da DO Valdeorras é que aínda se usan as antigas “covas”, adegas escavadas na terra e nas que cales o viño se elabora nunhas condicións excepcionais de humidade e temperatura. Tamén contan estas terras cunha parte da DO Ribeira Sacra, nas que a uva mencía é o máximo expoñente. Ambas denominacións de orixe ofertan rutas do viño con guías especializados para coñecer en detalle esta oferta de enoturismo.O xeodestino Manzaneda-Trevinca está integrado polos municipios ourensáns da comarca de Valdeorras de: A Rúa, Petín, Rubiá, Larouco, Vilamartín, O Barco, Carballeda, A Veiga e o Bolo; e da comarca de Terra de Trives: Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río, Pobra de Trives e Manzaneda.Imaxe de marca do xeodestinoNo acto de hoxe en Fitur presentouse o logotipo do xeodestino Manzaneda-Trevinca. A imaxe é un crisol de formas orgánicas e cores que escenifican os atractivos turísticos do xeodestino, fácil de recoñecer e recordar, con connotacións positivas, transmisor de sensacións e representación dos valores asociados á marca. Principalmente trátase de construír unha imaxe xeral de este amplo territorio que resuma á vez que identifique os principais recursos naturais da zona: a natureza cos seus valores ambientais, a variedade paisaxística de alta montaña, vales e vilas auga, ríos, lagoas glaciares, cun patrimonio no que se reflicte a pegada da historia; a creatividade e innovación, así como os produtos de calidade, a gastronomía e o viño característicos do xeodestino; sen esquecer por suposto, a astronomía e o ceo nocturno. A proposta de logo marca Manzaneda-Trevinca preséntase co eslogan Quero ir/Quero sentir.

Deja un comentario