Venres 21 de Setembro de 2018

Antonio Yáñez Casal gaña o XIV Premio “Pura e Dora Vázquez” de Narración


O xurado deu a coñecer hoxe o seu ditame en Ourense, destacando da obra gañadora, Do meu nome o outras trapalladas, “a súa adaptación aos tempos que corren, na que o autor fai unha reflexión crítica sobre a familia, os amigos e a escola”

O escritor Antonio Yáñez Casal (Ferrol, 1959) coa obra Do meu nome e outras trapalladas (presentada baixo o lema “Inferniense”), foi o gañador do XIV premio de literatura infantil e xuvenil “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.
O xurado, que deu a coñecer a súa resolución esta mañá trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, sinalou da obra galardoada “a súa adaptación aos tempos que corren, na que o autor fai unha reflexión crítica sobre a familia, os amigos e a escola”. Asemade o xurado puxo de manifesto que a obra “ten unha grande riqueza morfolóxica, que da idea dun escritor de nivel cultural alto, e cun importante dominio da lingua, axeitándose moi ben para ser ilustrada”.
Así mesmo, o xurado dixo que Do meu nome e outras trapalladas é “un texto cunha linguaxe directa e crítica. Unha obra de lectura sinxela, que ten moita potencialidade para achegarse aos adolescentes e gañar lectores dentro desa franxa de idade, pois reflicte ben o mundo que nos rodea”. En canto ás obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado destacou que todos os textos presentados “son de moi diversa temática e adaptados ao espírito deste premio”.
Agora ábrese o prazo para o XIV Premio “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de Ilustración e os interesados en participar, poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe ata o día 31 de marzo. A esta modalidade poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Antonio Yáñez Casal. A dotación do premio nesta modalidade de ilustración tamén é da mesma contía co de narración de 1.500 euros.
O xurado da XIV edición do Premio “Pura e Dora Vázquez” de Narración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández, Mario González, Carlos Rodríguez e Xosé Manuel Cid, actuando como secretaria Ana María Malingre.
Antonio Yáñez Casal naceu en Ferrol no ano 1959. Publicou as seguintes obras: Don Cosme e o telegrama amarelo (Col. O Trolebús, Casals, 2004), finalista do Premio Raíña Lupa 2000; Crisóstomo o alifáfaro (Col. Árbore, Galaxia, 2006), finalista do Premio Raíña Lupa 2004; Natasha e Dimitri (Col. Merlín, Xerais, 2006), finalista do Premio Merlín 2005; Lóbez (Col. Meiga Moira, Baía, 2006), Premio Meiga Moira 2006; Viaxe a Libunca (Col. Costa Oeste, Galaxia, 2007), Premio Raíña Lupa 2006; Octavius Augustus (Difusora de letras, artes e ideas, 2009), Premio Abrente 2007; Xoa (Col. Merlín, Xerais, 2010), finalista do Premio Merlín 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento, 2ª categoría, 2012; Vento Galerno (Col. Fóra de Xogo, Xerais, 2012), finalista do Premio Fundación Caixa Galicia 2011; A complicada vida de Bieito Viqueira (Col. Tambre, 2012); O detective de Nullarbor (Col. O Barco de Vapor, XermeSM, 2015), Premio O Barco de Vapor 2013.

Deja un comentario