Xoves 22 de Agosto de 2019

Medio Rural inicia as obras dos camiños principais da parcelaria Guillamil-Sabariz, en Rairiz de Veiga


A conselleira do Medio Rural recibiu á alcaldesa do municipio acompañada por varios veciños para coñecer os avances das parcelarias
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu á alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, á concelleira Mª Carmen Prieto e a varios veciños do municipio para tratar o avance das reestruturacións parcelarias no concello. Neste sentido xa comezaron as obras de execución dos camiños principais da zona de Guillamil-Sabariz, traballos que se desenvolverán durante este ano e o próximo e que custarán preto de 1,8 millóns de euros.

Nesta concentración, con bases definitivas dende 2013, lévanse investidos xa más de 2,2 millóns de euros e beneficiarán a 1.077 propietarios. A superficie afectada é de 1.367 hectáreas divididas en 19.703 parcelas.

As portavoces municipais interesáronse tamén pola concentración de Congostro, pendente da Declaración de Impacto Ambiental. Ángeles Vázquez sinalou que tratará de dar un impulso a esta situación e comprometeuse a que a consellería convocará unha xuntanza cos veciños unha vez se coñezan os resultados do informe. “Trataremos de buscar unha alternativa que convenza a todas as partes implicadas”, sinalou a titular de Medio Rural.

A conselleira lembrou que o peche administrativo de todas as reestruturacións parcelarias abertas na nosa comunidade é un compromiso do Goberno galego para os próximos catro anos. Así, no 2016 investíronse ata 23,4 millóns de euros a este fin, co obxectivo de potenciar as explotacións e mellorar a calidade de vida no agro galego. Grazas a este orzamento ordenáronse 26 zonas, unhas 21.000 hectáreas, das que se beneficiaron 17.838 propietarios.

Deja un comentario