Domingo 23 de Setembro de 2018

Díaz Mouteira avalía cos empresarios do polígono de San Cibrao das Viñas liñas de cooperación para favorecer a actividade empresarial


A delegada territorial da Xunta en Ourense mantivo este encontro dentro da rolda de reunións que está a celebrar cos representantes das principais entidades provinciais
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantivo hoxe unha xuntanza co presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao, Elías Mera, e outros membros da xunta directiva.

No encontro Díaz Mouteira escoitou as demandas dos empresarios asentados neste polígono industrial e xuntos analizaron liñas de cooperación para favorecer a actividade empresarial. Mera trasladoulle a aposta pola formación, que se traduce no alto índice de inserción laboral acadado polos alumnos dos cursos organizados pola Asociación de empresarios deste polígono industrial.

A delegada territorial subliñoulle ao presidente do polígono a aposta decidida do Goberno galego por mellorar e potenciar esta zona industrial, creada en 1965, que conta con case 4 millóns de metros cadrados de superficie nas que están instaladas máis de 300 empresas que dan emprego a preto de 8.000 persoas, configurando o ámbito de actividade empresarial máis importante da provincia de Ourense.

Neste senso, a máxima representante da Xunta en Ourense ofreceulle a Elías Mera diálogo e colaboración da Xunta para traballar de xeito coordinado para continuar a impulsar o investimento empresarial, a competitividade e a creación de emprego. Díaz Mouteira lembrou que, ano tras ano, a Consellería de Economía, Emprego e Industria activa diferentes liñas de axudas destinadas a facilitar os investimentos e a creación de emprego, impulsar proxectos da Industria 4.0 e á innovación, así como a mellora da competitividade e a internacionalización do tecido empresarial galego, entre os seus principais obxectivos.

Na xuntanza Marisol Díaz Mouteira lembrou as actuacións da Xunta de Galicia neste polígono co fin de convertelo en polo de atracción de novos investimentos na provincia de Ourense e de toda Galicia. Neste sentido, a máxima representante do Goberno galego en Ourense referiuse á aprobación, no último Consello da Xunta do ano pasado, do proxecto de decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental das obras da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas, no treito A-52 – N-525, nos concellos de San Cibrao das Viñas e Taboadela.

Deja un comentario