Venres 07 de Agosto de 2020

Ourense en Común pide ao goberno que o compromiso cos residuos sexa durante todo o ano


A temporalidade da campaña “Nadal Ecolóxico” evidencia o seu carácter propagandístico

Sobre a campaña de Nadal Ecolóxico presentada hoxe polo Concelleiro de Medio Ambiente, Ourense en Común apuntaba esta mañá a que “é meramente propagandística tendo en conta a súa temporalidade só nas datas de Nadal”.
Ourense en Común valora positivamente calquer campaña de concienciación medioambiental, mais apunta a que “este tipo de accións deberan facerse extensibles a todo o ano e co Concello como principal implicado. A administración é a primeira que ten que dar exemplo cara a un obxectivo “residuos cero” tal como marcan as directivas europeas, pero o mesmo goberno que hoxe presume de ecoloxía gasta anualmente unha tonelada en papel dun só uso, e estase plantexando gastar 1 millón de euros nos colectores soterrados para perpetuar un modelo deficiente na xestión de residuos”.
A xestión do lixo é unha das competencias ambientais de maior impacto nun Concello, e a máis susceptible de xestión directa. Así a todo, a área continúa a estar en mans privadas e ata se converte en algo insostible. “O sistema Sogama, no que se sacrificou o aproveitamento de residuos a prol dunha incineradora, fai medrar o impacto ambiental e está a hipotecar o noso futuro”.
Un Ourense máis limpo e ecolóxico debería pasar por recuperar e poñer en valor a planta de compostaxe municipal que podería dar solución ao lixo orgánico, o que máis pesa na nosa bolsa. Un Ourense máis limpo e ecolóxico debería apostar por un novo modelo de depósito, devolución e retorno, por recoller consideracións medioambientais nos procedementos de contratación municipal, por adaptar os puntos limpos para que funcionen como centros de asesoramento, educación e prevención, por favorecer a creación de empresas que recollan, reparen e/ou restauren mobles, electrodomésticos e outros aparellos, por incentivar ás empresas para o ecodeseño e a diminución dos envases de difícil separación ou apostar pola remunicipalización do servizo de recollida de lixo.

Deja una respuesta